z
16 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.OS ARXENTINOS fanse pesadísimos con San Martín, e algo semellante ocorre en Venezuela a respecto de Bolívar. Por todas partes, prazas dedicadas ao Libertador, e montañas co seu nome; e chega mesmo a haber unha República Bolivariana; e un estado como o de Mérida, «bolivariano y revolucionario». Pero non está claro o que signifique o bolivarianismo, porque quizais o sentido da patria estea escuro entre os venezolanos. Moitos queren varrer ó presidente que lles quixo inxectar en vea o fervor por Bolívar, quizais facendo confusións, de el mesmo co pai da patria, como o turco Ménem se confundía co Quiroga afuxentador de españois imperiais e uniformados... -Nosotros lo pusimos y nosotros lo sacaremos o no -vocifera un taxista-. Pero él tiene que aguantar hasta el 2006. Sería cuestión de lles preguntar aos viandantes asustados en «la ciudad más segura de Venezuela», protexidos por policías con chaleco antibalas, e por milleiros de gardas privados coa mesma protección corporal. Seica un 75 por cento dos cidadáns venezolanos non queren o Chávez. -Pero hai outro 25 por cento que o apoia, e cómpre pactar -asegura un físico sobre unha bandexa de gnocchi de plátano, en cea de sabores fortes a disolver con viño de Valdepeñas. Os comensais refírense ao presidente inestable como «el locutor loco», un militar retirado que -explican- nunca pasou de tenente coronel, o que provoca tensións diante do ministro de Defensa e dos xenerais cando veste uniforme, de pouco rango sendo o máximo mandatario. -O locutor é un manexador de masas -ataca un astrónomo-. En todo sistema político hai pan e circo pero no noso só queda o circo. Na sobremesa de formigas fritas e ron fálase da revolta que fracasou: -Os erros foron non enviar ese tolo axiña a Cuba, e o retracto dos militares cando viron as accións fulminantes que preparaban os civís que tomaran o poder. A seguir fálase de democracia no exército. As formigas teñen marca, Orgullo de Santander . Na noite andina e aromática todo parece absurdo.