AÍNDA non nos tiñamos reposto do tráxico suceso que durante varias semanas conmocionou ós norteamericanos, cando a miles de quilómetros se producía no centro de Moscova unha masacre. Neste caso avivada pola incerteza de varios días de secuestro, e un asalto das forzas especiais rusas inxustificable, a xulgar polo resultado: centos de mortos e outros tantos feridos graves. Estas dúas noticias, que inevitablemente nos acompañaron estes días, deixaron agromar á superficie dos xornais algúns termos galegos, non sempre empregados con corrección. O substantivo que designa á 'persoa retida en poder de alguén, especialmente do inimigo, con garantía ou fianza, mentres se tramita un acordo' é refén. A forma *rehén constitúe un castelanismo. Deste xeito, debe escribirse (ou pronunciarse): 800 reféns foron secuestrados por un comando checheno , non *800 rehéns, nin *800 rehenes . Este substantivo, ademais, é común respecto ó xénero (o refén, a refén): Unha refén holandesa atópase entre as víctimas mortais. Por outra banda, coa detención do francotirador de Washington tense resolvido, por fin, o misterio do último asasino en serie. En galego, o substantivo correcto ten dúas vocais idénticas no radical: asasino, non *asesino, forma castelá, nin *asasiño, ou *asesiño . Estas dúas palabras son hiperenxebrismos creados incorrectamente polos falantes a partir dos moitos substantivos galegos rematados en -iño, (camiño, sobriño...) . Como asasino, escríbense asasinato e asasinar . falar.ben@lavoz.es