Demisión dun político

LOURENZO F. PRIETO

OPINIÓN

HAI TRES meses preguntabamonos por que demite un político, a propósito da decisión de Encarna Otero. Hoxe volvemos preguntárnolo con ocasión da demisión de Xaquín Fernández Leiceaga da Executiva do BNG. Nas democracias os políticos deixan o cargo por ter defraudado aos votantes, por corrupción, por fracasos electorais, tamén por perda de confianza ou discrepancias políticas e, en tódolos sistemas, porque os obrigan. Cansámonos de escoitar que moitos políticos non asumen as responsabilidades que deberan, que aquí non demite ninguén . Mais, en última instancia, algúns demiten porque alén de ter unha vocación ou unha adicación política tamén son cidadáns libres que toman decisións libres. Esta aparente simpleza non é doada de acadar, porque vindo dunha dictadura na que ata a oposición aprendeu a liberdade sen practicala, abundan os líderes carismáticos, os que se cren imprescindibles e os que non saberían facer outra cousa que seguir no cumio en calquera circunstancia. Son os que nunca pensan en retirarse pero están constantemente ameazando con deixalo para facerse necesarios. Garantía A liberdade destas decisións enuncia certa garantía de que os políticos se ocupan dos cidadáns e non só deles mesmos e da súa posición. Otero e Leiceaga teñen unha longa traxectoria no nacionalismo e participan no Bloque dende a súa fundación. O seu paso, depois de tantos anos, non sei se ten mérito pero encerra gran significado porque as demisións ben xestionadas poden supor reforzos para unha formación política e, mal xestionadas, o inicio dunha pingueira de abandonos. Non está o Bloque para o segundo, cando inaugura un diálogo institucional que pode ter o mesmo valor para preparar o seu acceso ao goberno, aproveitando a oportunidade do posfraguismo, que o talante negociador de Lula da Silva respecto da súa victoria.