CANDO escribo estas notas xa se desenlazou ese drama do secuestro nun teatro de Moscú que costou tantas vidas de reféns que non comprían máis paixón que a de ver teatro ou escoitar música; e as vidas dos asaltantes nunha operación custosísima, que non se sabe quen a pagou, prestándose ó xogo de perdelas non sabemos para qué. Un drama que nos tivo cun nó na gorxa, pois de algo semellante pode iniciarse un conflicto mundial disparándose case ó mesmo tempo cantas cabezas nucleares están preparadas para se defender, e por se é o caso lanzalas antes de que se vexan atacadas. A terra é grande e a capa silical ten moita masa, polo que se supón é conservadora, mais non sabemos como respondería a capa edafolóxica con toda a vida que hai nela, atacada, case simultaneamente, por unha parte importante da enerxía radiactiva que garda a terra e que trouxémola á superficie. Se o mundo non estivera tan tolo, como en xeral está por facer negocios, que directa ou indirectamente teñen algo que ver co petróleo, cun consumo que aumenta, tamén fomentado polos medios, mentras as reservas diminúen, se o mundo non estivera tan tolo, digo, os que teñen ese poder insaciable deixarían desde este mesmo momento de promocionar todo o que poida contribuír a aumentar o consumo de petróleo, dispoñéndose a ir reducindo os medios que utilizan os combustibles fósiles, avións, automotores, etc. e desenvolvendo o ferrocarril no que se poden aproveitar enerxías autorenovables. Que ninguén soñe que poden aparecer enerxías sintéticas que substitúan ó petróleo. Tódalas que se teñen estudiado utilizan os hidrocarburos, incluído no que se poñen as maiores esperanzas como o hidróxeno, pero aínda que se consiga utilizando outras fontes de enerxía como a hidráulica e a solar, é absurdo que en troques de utilizar directamente estas enerxías se empreguen en obter outras que teñan virtudes semellantes ás do petróleo. No 1999, Rusia decatouse que un nemigo entráballe polo Daguestán, e non tivo máis remedio que intervir. Mais comprobou que as terras dos chechenos, onde se cruzaban importantes instalacións petrolíferas, era asociada dos que operaban no Daguestán, e tivo que ocupala vencendo unha encarnizada resistencia que operaba, e opera, cunha mestura de patriotismo e outros intereses que lles fan chegar un costosísimo apoio loxístico, como se de negocios compartidos se tratase. Os grandes negocios do petróleo están detrás de todo esto, como o están detrás da pretendida invasión do Irak. Non hai que esquencerse que os talibáns nun principio eran apoiados pola CIA para atacar á URSS. Quizás por inercia, os talibáns, logo, foron os únicos que recoñeceron a autoindependencia de Chechenia, na que a penas había 700.000 chechenos (a cuarta parte dos habitantes de Galiza). Alguén quere chamar guerra ruso-chechena, e ós do secuestro de Moscú non chamarlles terroristas. Putin, que debe saber un rato desto, pola súa anterior experiencia, non dubidou en afirmar que se trataba dunha operación montada no estranxeiro, pero non vai dicir todo o que sabe.