Cultura de diálogo

OPINIÓN

DESCOÑEZO as interioridades do BNG e as súas tensións internas. En tódalas organizacións hai tensións. Malo que non as haxa. Outra cousa é como se asumen e se existen ou non mecanismos para resolvelas de xeito que tódalas voces poidan ser escoitadas e ponderadamente valoradas. Canto máis crece unha organización (tamén unha organización política) máis movementos internos se producen, máis variados intereses hai que harmonizar e, xa que logo, máis vitalidade xenera, que hai que saber encarreirar. O BNG leva anos facendo a súa propia transición, se cadra máis lenta do que o país ou un sector da sociedade demanda, pero que tampouco se pode improvisar. A sazón precisa do seu tempo. Dende as iniciais formulacións populistas e marxistas-leninistas ata hoxe, o nacionalismo galego foi afirmando a súa posición democrática e, asemade, peneirando actitudes (moitas veces máis retóricas ca reais), madurando proxectos (contrastados co exercicio político en realidades concretas), medíndolle os ritmos á sociedade (que é plural, non monolítica) e mesmo calibrando os modos (o que non quere dicir que non haxa de cando en vez arrautadas que non deixan de sorprender) Un dos xestos máis notorios dese proceso foi, nos últimos tempos, o encontro Manuel Fraga-Xosé Manuel Beiras. Durante máis dunha década, o lider do BNG construíu o seu discurso fundamentándoo na tensión e na confrontación, ás veces na fronteira do desquiciamento. Cando en 1986 Camilo Nogueira, voceiro de Unidade Galega, se entrevistou co presidente do PP, daquela xa presidente da Xunta, democraticamente elixido polos galegos, as críticas dende o BNG foron feroces, en parte porque ámbalas formacións (UG e BNG) estaban a disputar a hexemonía do nacionalismo e non había tregua entre elas. Abofé que Fraga (e outros próximos a el) tampouco se reprimían. Velaí as hemerotecas. A enxurrada de descalificacións e arrautadas mútuas acadou a máxima tensión nas pasadas eleccións autonómicas, cunha noite electroral certamente desafortunada para o lider do BNG. A sociedade galega no seu conxunto (non as capelas nin os campanarios menores) asistía abraiada ó espectáculo. Hoxe, afortunadamente, a realidade é outra. Estamos nun novo marco. E cómpre saber valoralo, explicalo, entendelo e aproveitalo. Non para a clientela electoral (que ámbalas dúas partes teñen o seu mérito) senón para o país, para o conxunto da sociedade. En Galicia, recoñezámolo sen complexos, estamos facendo as cousas doutra maneira. Ou podemos facelas. Todo o contrario do que está sucedendo en Euskadi, por exemplo. Así mo recoñecían hai pouco, aínda que coa boca pequena, persoas próximas ó nacionalismo e ó socialismo vascos: «Algo estades facendo ben. Non o estraguedes. Se cadra haberá que ollar para vós, chegado o momento». O diálogo non empece a discrepancia. Só dende o diálogo, se logramos establecer liñas de compromiso e acción común, podemos pensar en estratexias de futuro, que pola súa trascendencia non deberían estar sometidas á caducidade ocasional dunha campaña, moito menos ós intereses das guerriñas persoais (que tanto abundan nas organizacións), senón a proxectos estables, de longo percorrido, pois hai cuestións nas que nos estamos a xogar bastante máis do que pensamos. O tempo non corre a favor. A presencia de Galicia en Europa, que o ministro Mariano Rajoy vén de rexeitar (contra os acordos do Parlamento galego), ou a xestión dos fondos comunitarios, máis alá da propaganda de partido e o clientelismo esterilizador, son dous exemplos. Hai máis: a política lingüística, a educación, a organización do territorio... Diálogo, que non demagoxia, nin palanganeo por detrás. Transparencia e taquígrafos. Compromisos e estudios argumentados. Modernidade, en definitiva, que é unha asignatura que -digan o que queiran- aínda temos sen aprobar.