No voy llorar

OPINIÓN

«¡NO VOY llorar, no voy llorar!». Esta frase que pronunciou Israel, o concursante galego da primeira edición de Gran Hermano, foi motivo de mofa para moita xente. Representaba, para algúns, unha das interferencias lingüísticas máis típicas entre galego e castelán. De feito, cando alguén pretende imitar o acento galego reproduce habitualmente frases deste tipo. Isto é, aquelas nas que a perífrase castelán ir + a + infinitivo perde a preposición a por influencia do galego. Fronte ó castelán, a lingua galega caracterízase pola ausencia de dita preposición nesta perífrase ( Vou chegar tarde hoxe; Vai vir comer mañá; Non van traballar pola tarde...). En galego, a dolorosa lamentación de Israel traduciríase, xa que logo, como ¡Non vou chorar!, non * ¡Non vou a chorar! Sen embargo, en castelán débese engadir o a: ¡No voy a llorar! Lágrimas á parte, o continuo intercambio entre ámbalas dúas linguas provoca que na actualidade moitos galegofalantes pronuncien e escriban incorrectamente esta perífrase, por influencia do castelán. Así, son frecuentes expresións como *Hoxe non vou a ir ó fútbol, no canto de Hoxe non vou ir ó fútbol; *Vai a vir a túa irmá , en lugar de Vai vir a túa irmá , etcétera. Esta peculiariedade do castelán de Galicia (Voy llorar...) é rexeitada con rotundidade pola maioría dos falantes, se ben non deixa de ser unha consecuencia máis do contacto lingüístico. A concursante galega deste ano, Desirée, promete. Haberá que observala a fondo. falar.ben@lavoz.es