PARECE claro que nas linguas algunhas palabras teñen máis uso ca outras. Algunhas mesmo abarcan un amplo abano de significados. En galego hai dous verbos de forma moi semellante, pero con significados distintos, de gran productividade lingüística: argallar e fedellar. O primeiro é, segundo o diccionario Xerais 2000, 'tramar ou inventar mentiras, enredos para confundir ou enganar a alguén' (Argallou unha historia para librar da mili). Pero tamén argallar é 'organizar ou improvisar' (Cun pouco de carne argallou unha comida para todos nós). Ás veces utilízase como sinónimo de tramar , no sentido de 'concibir un proxecto cunha finalidade práctica' (Argallou o asunto de tal xeito que nada lle podía saír mal). Por último, argallar significa 'realizar traballos que requiren certa habilidade' (Argallando coas cunchas fixo un bonito colar). Fedellar , referido ós animais, ten o significado de 'remover a terra co fociño'. Con este sentido é sinónimo de fochicar, furgar, fozar, escaravellar... Pero fedellar é, no uso cotián, 'enredar, manexar cousas por simple distracción' (¡Deixa de fedellar co mando da tele!). Este verbo ten unha segunda acepción: 'Manipular algún aparello ou mecanismo sen coñecer o seu funcionamento' (Anda fedellando no coche e non dá reparado a avaría). Fedellar emprégase a miúdo co significado de 'revolver ou desordenar' (Non fedelles máis no caixón que vas desordenar todo). Neste caso pode substituírse por chafallar, chafullar, fochicar, fozallar, furgar, remexer, revolver e fozar. falar.ben@lavoz.es