08 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

UTILÍZASE a miúdo en galego o substantivo perxuízo co significado de 'dano ocasionado ou producido', diferenciándose, así, de prexuízo 'idea preconcibida ou discriminatoria'. Esta distinción, calco da que se produce no castelán (perjuicio, prejuicio) é innecesaria e incorrecta en galego, posto que nesta lingua coinciden nun mesmo significante dous significados. Prexuízo é tanto 'o dano ocasionado' como 'a idea preconcibida'. O étimo latino praeiudicare evolucionou no galego en dúas formas distintas, prexulgar ('xulgar con antelación') e prexudicar ('danar, damnificar'), ás que lles corresponde en ámbolos dous casos un mesmo substantivo: prexuízo. Xa que logo, son correctas en galego as expresións: Protección de Datos recorda ós afectados que poden reclamar indemnizacións polos prexuízos causados. As empresas non deberían ter prexuízos racistas para seleccionar ó persoal. Son incorrectas, sen embargo, as formas prexuzgar e xuzgar . En galego débense empregar prexulgar e xulgar , respectivamente, de acordo coa evolución histórica do étimo latino iudicare>judgar>xulgar . De aí que o substantivo que lle corresponde sexa xulgado e non * xuzgado (Altos cargos da Garda Civil declararán hoxe no xulgado de Lalín). Así mesmo, cómpre escribir xuízo (non xuício ) e xustiza (non xusticia ), posto que estas palabras conservan as terminacións patrimoniais galegas -zo, -za, que desapareron noutros casos por influencia do castelán. falar.ben@lavoz.es