LEO NOS periódicos que unha adolescente galega de quince anos acudiu ó xuíz para defender o seu dereito a non abortar. Segundo contan, foron os pais do noivo, un rapaz de dezaoito anos, os que presentaron unha denuncia contra os pais da rapaza por suposta inducción ó aborto. O xuíz como medida de precaución ordenou o traslado da rapaza á casa doutros familiares. Os pais, en comparecencia ante o xuíz, aseguraron que nunca pretenderan forzar a vontade da súa filla e comprometéronse a respectar a súa decisión. Final feliz, ó parecer. A nai de quince anos ocuparase da crianza e educación do seu fillo, aínda que para eso teña que abandonar os seus estudios e deixar de facer a vida que ata agora facía: acabáronse en moitos anos as viaxes, as saídas, as discotecas, as festas, o durmir despreocupadamente a noite enteira, e tamén as vacacións de filla de familia sen obrigas nin deberes. ¿Ou non? Ou quizais o que vai pasar é que os avós terán que converterse en pais á forza; que, xa rondando os coarenta anos e cunha filla xa criada, cando coidaban iniciar esa etapa na que unha parella se ocupa de si mesma e proxecta traballos e ocios en función deles e non dos fillos, terán que volver ás preocupacións, ós esforzos e ós gastos que orixina un novo membro da familia. Terán que volver ó xa pasado, pero con máis anos e menos ilusión. Para non desgraciar a vida dunha nena de quince anos, para permitirlle que siga estudiando e adquirindo os coñecementos que lle permitirán no futuro ser unha muller autónoma, para que poda desempeñar un papel na sociedade conforme ás súas capacidades e desexos, para permitirlle elixir libremente o seu destino futuro, alguén ten que sacrificar a súa vida. O máis seguro é que sexa súa nai. Moita xente compadecerá á nena. Eu máis ben compadezo ós pais, e penso que moitos destes casos poderíanse evitar proporcionando ós adolescentes unha adecuada educación sexual que inclúa información para evitar os embarazos, e falándolles dos seus deberes. Que non todo son dereitos.