Emblema

XOSÉ CHAO REGO

OPINIÓN

NO CONTEXTO das migracións do Oriente Próximo, unha parella -Abraham e Sarai-, reciben a orde de abandona-la patria prometéndolles unha terra, que era Palestina. Os hebreos, seminomades, procuraban ir introducíndose no país que «deita leite e mel». Escasa ambición pois Galilea exportaba aceite, trigo e viño. Concretamente o escudo de Israel era un acio de uvas. O profeta Isaías (5) elabora a cantiga da viña: o seu amigo tiña unha fértil viña, pero deu mala uva, amarga. Solemne, o profeta enfatiza: A viña do Señor é a casa de Israel. O evanxelista Mateo (2) pon en boca de Xesús esta variante: chegada a hora da vendima, o propietario manda os seus criados cabo dos labregos ós que llela tiña arrendada. Pero foron matando os diversos emisarios. Por fin, envía o propio fillo cavilando os asasinos: ese é o herdeiro, matámolo e facémonos amos. E, agarrándoo fórono empurrando fóra da viña. Tamén a Xesús o crucificaron extramuros de Xerusalén.