O curso das titulacións

OPINIÓN

30 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

O CURSO universitario que comeza estará marcado polo deseño dunha nova Lei de Universidades de Galiza que desenvolva a LOU e defina as características do sistema universitario galego para os próximos anos. Vai ser tamén o curso das titulacións, como sempre que hai eleccións municipais. Pero nesta ocasión o reparto estará marcado polo debate previo sobre o descenso do alumnado, o polémico estudio da consultora Andersen (rip) e pola necesidade de implantar algunhas titulacións importantes que seguen ausentes da oferta universitaria. Nos últimos doce anos desenvolveuse un mapa de titulacións que se caracterizou máis pola multiplicación de carreiras que pola implantación de títulos novos e agora álzanse as voces da reconversión e aparecen os temores ás supresións. O argumento da demanda e a rendibilidade para tomar decisións neste camiño responde ás veces a unha visión estreita. A universidade non pode capacitar directamente para o mercado laboral, a súa rendibilidade non pode medirse só en termos económicos a curto prazo e os valores da academia e do saber non poden ser miméticamente os do mercado O problema non se arranxa pechando titulacións porque a función docente non é a única da Universidade e abunda o profesorado que ten unha adicación principalmente investigadora. Aínda que pode haber titulacións das multiplicadas nos últimos anos que merezan ser reconvertidas. O auténtico problema da Universidade segue a ser o escaso financiamento, e que este derive, case en exclusiva, do número de alumnos. Nin a calidade, nin tampouco, por certo, a esixencia de resultados académicos, docentes ou investigadores, entran nos criterios. En Galiza, a investigación é unha necesidade cuberta principalmente polas universidades, pero para que teña resultados necesita recursos.