FALAR BEN
28 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.ÁS VECES, non se sabe moi ben por qué, algunha expresión se repite alá por onde pasas. Dende que comezou a semana non fixen máis que pensar no soño e no sono . Tres días seguidos espertei con soños semellantes, case pesadelos. E eses mesmos días conversei no traballo sobre as experiencias dos soños. A mediados de semana a entrevista á autora do libro que entregou a Biblioteca 120 (Anagnórise) fíxome lembrar a importancia dos soños. Na televisión, o anuncio de moda fala de entrar nun sono profundo, case nun coma; e a piques de comezar a fin de semana, as rapazas de Popstars viron cumprido o soño da súa vida. Á vista destes exemplos, pódese observar a diferencia que existe en galego entre soño e sono . O primeiro ten o significado de 'imaxes, pensamentos, que se manifestan mentres durmimos' (Tiven un soño marabilloso: George Clooney aparecía na miña casa) . En sentido figurado, soño é 'calquera proxecto realizable; desexo, meta' (O soño de Carmen Miriam era ser unha popstar) , e os soños son, ó fin, tamén 'ilusións, fantasías, quimeras' ( A vida é soño , que dicía Calderón). Polo contrario, o sono é o 'desexo de durmir' (O neno ten moito sono) , pero tamén o propio 'acto de durmir' (A miña sobriña ten un sono moi lixeiro) . Son moitas as expresións que se empregan con esta palabra: botar un sono, prender o sono, quitar o sono... A pesar da súa distinción, é habitual confundir ámbalas dúas formas, por influencia do castelán sueño . Hai que ver, todo por un soño. falar.ben@lavoz.es