CADERNO DE VIAXE
28 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.AS EMPRESAS que negocian coa máis avanzada tecnoloxía espállanse sobre as lombas leves da Virxinia. Unha tranquilidade de bosque e orde permite aquí inventar. As horas de traballo transcorren placidamente, na temperatura correcta, illadas do continuo ruxido da autoestrada próxima. Deixan ver que o mundo se vai dividindo en tres bloques, nos que o coñecemento determina a economía; e que os tres están no Hemisferio Norte deste cárcere azul, redondo, do que non paga a pena tentarmos escapar: colonizarmos Marte é unha espléndida quimera... O lunch acontece nun restaurante, The Honest Fish, que proclama a súa honradez ofrecendo só peixe do día. A clientela é xente linda, libre do andazo popular, a gordura mórbida contra a que predica o Cirurxián Xeral dos Estados Unidos da Industria. A conversa non pode eludir o trauma dos que inventaron satélites espías inservibles contra os musulmáns suicidas. Un comensal, científico de nome americanizado e bandeiriña de barras e estrelas na gravata, declárase persa e protesta porque os americanos o confundan cun árabe. Con carraxe apoia a idea do Naipaul, premio Nobel islámico: o Islam é fanatizante por substancia, e non lle hai que facer. «Foi inventado por un cristián -teoriza- para servir ás tribos da Arabia, adoradoras do deus Lúa»... O viño branco californiano pode competir con chilenos, neocelandeses e galegos. Os lagostinos son un manxar. A conta, pagable. O iraniano, que invoca a Zoroastro e renega dos aiatolás, pregoa a virtude maior do país de acollida: a consideración dada ao que cadaquén aporta, sen distingos. De volta ao traballo repítense letreiros dunha campaña para fomentar as adopcións, de nenos, cans e gatos (por esa orde).