TRATÁBASE dun xogo de azar que tentaron montar en España, onde a República prohibira, primeiro en Donosti e logo en Palma de Mallorca, sen que poidera pasar do primeiro día. Foi polos anos do bienio negro da coalición gobernante, lerrouxista e cedista, que ganaran as eleccións do ano 33. Consistía nunha especie de ruleta ideada e explotada polo holandés Strauss e un tal Perlo. Era un aparello mecánico-eléctrico que sempre conducía a bola a onde lle conviña á banca, segundo se dicía. Parece ser que os donos da máquina lle mercaran o dereito a establecer aquel xogo nos casinos a persoas influíntes no Goberno, entre outros a un sobriño de Lerroux ancorado na Telefónica, e os donos do estraperlo ó ver fracasado o negocio denunciaron a quen recibiran cartos, o que, xunto con outros males que se padecían, logo dos gobernos presididos por Azaña, botaron abaixo ó presidido polo home do «Paralelo», como distinguían a Alejandro Lerroux. A palabra estraperlo prendeu axiña en todas as capas sociais de España, para todo o que non era legal, con tanta forza que nin a Guerra Civil a detivo até que polos anos 50 desapareceu o racionamento, xa que unha parte dos alimentos mercábanse de estraperlo, sobre todo o pan e o aceite, que eran millores que os da tasa racionada. Contoume un amigo presente nun xantar que lle facían tódolos anos a Franco no Club Náutico, que o Xeneralísimo viu que o pan era de estraperlo, facendo unha garimosa protesta, retrucada pola ilustre e poderosa dama que tiña ó seu lado: «Si no fuese por el estraperlo, mi general, usted gobernaría una España de cadáveres», ó que Franco asentiu cun indulxente sorriso. En toda España abondou literatura mofándose dos políticos que estaban no Goberno; un deles describía á ruleta tramposa como un xogo no que «tira-s-al-azar» (en referencia al ministro Salazar Alonso) y la bolita hace pichipón (en referencia ó gobernador de Cataluña Pich y Pon). E eu recordo a un pobre matrimonio que cantaba e vendía follas de afeitar, baixo a fonte de praza do Toural (cando estaba coroada cunha figura de Marte adicada ó betanceiro xeneral Quiroga, e que no franquismo foi sustituída por esa cursilería que aínda ten hoxe). Esta parexa cantaba contra o estraperlo, e o Goberno de Lerroux e da Ceda, «... juego de toda la vida para reventar al pueblo», mentras facía da economía unha barbaridade. Recórdome agora desta historia porque con esto das lucubracións de Bush sobre o petróleo do Irak, fálase doutra máquina que contabiliza os votos dos norteamericanos que descubriu o seu mecanismo tramposo ó desaparecer os votos dun eido ben definido nas últimas lexislativas dos EE.?UU. e que a pesar das protestas e das manobras contra das máquinas os opoñentes a Bush tiveron que aceptar os resultados tramposos, sen que nos explicaran cales eran as poderosas razóns de Estado que obrigaron a aquel dislate. Agora, vendo o papel que se ve obrigado a cumplir Bush na conquista do petróleo do Irak, enténdese mellor as maquiniñas esas que contabilizan a vontade dos norteamericanos como lles convén ós petroleiros, aínda que poñan ó mundo patas arriba ca axuda dalgunhas marionetas que lles prestan eco, como a máquina de votar de Hitler do célebre debuxo de Carlos Maside.