Os dereitos dos emigrantes

FRAN ALONSO

OPINIÓN

21 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A MIN o dos emigrantes tenme desconcertado: négaselles o que lles corresponde e concédeselles o que non é xusto que posúan. Explicareime. Sen dúbida, Galicia ten cos seus emigrantes unha débeda impagable. Eles foron o sustento do país cando carecía de recursos. Eles impediron que secase definitivamente unha Galicia que se desangraba. Así que, agora, o feito de facilitar o retorno dos emigrantes e as súas familias (amais de necesario para a nosa pirámide demográfica) non é un acto de solidariedade, senón un dereito, lexítimo, que lles corresponde. Outorgarlles a nacionalidade aos netos dos emigrantes galegos nas mesmas condicións que a eles, renunciar a esixirlles visados de entrada, non sometelos á Lei de Estranxería e, en xeral, aceptar as súas demandas, é un acto de xustiza histórica. E iso, ao que teñen dereito, non se lles dá. En cambio, e paréceme importante comentalo agora que a diáspora se configura como a cuarta provincia electoral galega, non entendo como unha persoa que leva máis de media vida fóra dun país (ou que, no caso dos descendentes, nunca viviu nel) pode exercer o dereito a voto nese país do que está ausente. Esta circunstancia, ademais de prestarse, como xa se ten demostrado, a todo tipo de picaresca, incluído o voto dos defuntos, acaba sendo un dereito que non favorece especialmente ao emigrante, que debería integrarse no país que o acolle en tanto vive nel, participando na súa vida política. Ademais, dubido que os emigrantes que levan tantos anos fóra teñan capacidade para interpretar, desde a distancia, a realidade social e política do país que abandonaron e emitir o seu voto en consecuencia. E o que digo é moito máis evidente cando se trata de que poidan exercer o seu dereito electoral nas municipais: resulta un irónico paradoxo que posúan o dereito de votar pola persoa que vai gobernar un concello no que non viven. Así que preciso que alguén me explique unha contradicción coma esta, que lles nega aos emigrantes o que, en xustiza, lles pertence e lles concede o que, en realidade, non lles corresponde.