QUE NON cho imos parar. Esta é a forma habitual de concesión de obras en moitos concellos. Impúxose a práctica do galpón e da finca pechada con valado de bloque. Era un clamor que había que actuar contra a degradación da paisaxe pero a normativa antifeísmo non convence. Non é un problema estético, senón político e económico. Non pode acreditarse en que simplemente unhas novas normas modifiquen uns comportamentos tan asentados que ningunha lei vai reverter por si mesma. A nova norma podería ser un paso adiante se logra que cada quen asuma as súas responsabilidades. Isto mesmo é o que non é críble. Non hai razóns para fiarse. A maioría dos alcaldes que van aplicala son do PP e ningún deles logrou un premio urbanístico ou un recoñecemento para o seu concello. A práctica do ti vai facendo é unha bolsa de votos que non se vai desatender. Ademais, non pode ser críble que os responsables políticos da desfeita dos últimos anos poidan garantir o arranxo dos males que eles mesmos provocaron. Máis ben parece unha norma dirixida á Galicia rural pero concebida para prometer atender a sensibilidade estética da Galicia urbana antes dunhas eleccións municipais vitais para o PP nas cidades. Tamén hai un problema cultural. Pode, pero máis dos letrados que dos iletrados. A xente sempre procura copiar o mellor, non o peor. Os modelos disponibles que logo se imitan socialmente son os realmente despreciables. No tempo, primeiro se estragaron as cidades coa especulación dos anos sesenta e despois foise estragando o rural. Non hai incapacidade cultural para facelo ben. Foi un pobo iletrado quen fixo os hórreos, as solainas, as casas labregas. Tamén as casas de indianos, que non sei se se poderían construír coa nova normativa. Haberá que matinar máis.