COA CHEGADA de setembro volven a normalidade ás nosas vidas: volta ó cole, volta ó traballo e volta da programación televisiva. Esta última incorporou como sorpresa o rostro estraño dalgunha famosa presentadora, desfigurado (supoño que temporalmente) por causa da cirurxía estética. Porque en galego dise cirurxía , non *ciruxía . Neste caso, como noutros, a lingua galega está máis próxima á etimoloxía latina. Pódese dicir, neste sentido, que é máis conservadora có castelán. Así, cirurxía mantén o r que xa tiña na forma latina chirurgia (palabra, á súa vez, procedente do grego). Deste xeito, toda a familia léxica conserva o -r: cirúrxico, cirurxián, cirurxiá... As linguas románicas máis coñecidas comparten co galego esta característica. En francés escríbese chirurgie ; en catalán, cirurgía ; e en italiano, chirurgia . Ademais, a diferencia do castelán, en galego dise cirúrxico , non *quirúrxico . É incorrecto, así mesmo, utilizar as formas *cirurxiano/a e *ciruxiano/a , calcos das voces castelás rematadas en -ano, -ana. En galego mantense neste caso a terminación propia -án ( cirurxián , para o masculino), -á ( cirurxiá , para o feminino), presente noutros substantivos e adxectivos (compostelán, compostelá; cidadán, cidadá; folgazán, folgazá...). Malia que coñezan o termo en galego, confío en que non teñan que empregalo a miúdo. falar.ben@lavoz.es