10 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A FOTO de nós as tres sorrindo alí arriba permíteme imaxinar que seguen onde as deixamos. Estando tan cerca do ceo dan ganas de gritar. E nós gritamos de ledicia por ter escalado a montaña da capital do mundo. Só despois do atentado volvín á foto para descubrir detalles que quedaran gravados para sempre. Decateime entón de que a torre á que deixaban subir ós turistas era a que tiña a antena grande (nunca souben cál era a norte e cál a sur), pero a antena esguía enriba dunha facíaas distintas, coma o lunar que distingue dúas xemelgas. Moitos galegofalantes utilizan o substantivo e adxectivo xemelo (calco do castelán gemelo ) no lugar do correcto xemelgo . Esta forma provén dunha suposta etimoloxía latina gemellicu , que derivou ó longo da historia primeiro en gemelgo e despois na actual xemelgo . Curiosamente, o galego non mantén a diferencia que se dá en castelán entre mellizo/gemelo . Os diccionarios rexeitan a forma *mellizo por considerala non galega. Deste xeito, xemelgo restrinxe o significado a 'cada unha das dúas crías nacidas no mesmo parto', e por extensión, 'que é moi semellante, igual ou idéntico'. En castelán, sen embargo, mellizo e gemelo distínguense nunha acepción: gemelo ('originado del mismo óvulo') e mellizo ('originado de distinto óvulo). De aí que os mellizos teñan, ás veces, distinto sexo. En galego en ámbolos dous casos falaríase de xemelgos , ó non existir a palabra mellizo . Chegou o día, pero eu prefiro lembrar Nova York como sempre; como a musicou Bernstein, como a cantou Lou Reed, como a filmou Woody Allen. Coma sempre. falar.ben@lavoz.es