FALAR BEN
07 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.DUN TEMPO a esta parte estase poñendo de moda a figura dun novo representante laboral: o bolseiro. Quen máis quen menos (que non sobrepase os 35 anos) ten pasado unha época da súa vida como tal. Os bolseiros, aínda que recentes no modelo laboral de hoxe en día, están xa plenamente instalados na sociedade. Mesmo proximamente vaise estrear no cine unha película da que son protagonistas, como exemplo da explotación laboral da que son obxecto. Hoxe son de todos coñecidos: bolseiros en prácticas de xornalismo, bolseiros de investigación da universidade ou bolseiras en estado puro que fixeron tambalear a Casa Branca. O galego comparte co castelán a palabra beca en dúas acepcións: 'Vestidura talar negra usada polos maxistrados xudiciais' e 'insignia que usan os estudiantes dos colexios universitarios como distintivo, consistente nunha faixa de pano que se coloca sobre o peito en forma de uve' (As becas que entregan na súa facultade son de cor gris). Existe unha acepción, sen embargo, na que ámbalas dúas linguas difiren. Cando nos referimos á 'axuda económica que recibe un estudiante', en galego é incorrecto o uso da palabra *beca . Débese substituír por bolsa . De aí que a persoa á que se lle concede unha bolsa sexa un bolseiro ou unha bolseira, e non un *becario(a) (Os bolseiros de investigación da universidade non teñen dereito ó paro). Hai quen facendo uso da ironía substitúe a palabra castelá becario por precario . Haberá que ver a película. falar.ben@lavoz.es