A ESTAS alturas de verán non queda vila, cidade e aldea na que non se teña celebrado o día da festa. Con motivo de tal ocasión, cómpre ter a man dúas cousas básicas para que o festexo acade o éxito esperado: comida e música. Esta última adoita estar representada pola morea innumerable de orquestras que percorren Galicia de norte a sur, e de leste a oeste. Pódese dicir que alí onde hai unha festa, hai unha orquestra, e viceversa. En galego, o substantivo orquestra mantén o r da última sílaba, de acordo coa súa etimoloxía (latín orchestra , grego orkhestra ). Deste xeito coincide formalmente con moitas linguas occidentais. No catalán escríbese orquestra , no francés orquestre , e en inglés orchestra . O galego diferénciase, así, do castelán orquesta . E de aí que tódolos seus derivados conserven tamén o r: orquestral, orquestración, orquestrador. Seguindo coa familia léxica da orquestra , cómpre subliñar que outro erro común que adoita atoparse na escrita é a supresión do -n- nos termos escena e escenario . Neste caso, galego e castelán coinciden. Nun afán galeguizador errado, algunhas persoas esquecen o n intervocálico e escriben *escea e *esceario , seguindo a regra natural do galego, segundo a cal, a maioría das palabras que conservan o -n- intervocálico en castelán, pérdeno en galego (lúa/luna; centeo/centeno; persoa/persona). En galego deberiamos anunciar, entón, tanto a Orquestra París de Noia como a Orquestra Sinfónica de Galicia. falar.ben@lavoz.es