El próximo jueves, con La Voz, una nueva edición de la Guía de Másters de Galicia
DENTRO DE poucos días, o 10 de setembro, vaise inaugurar en Barcelona unha magna mostra dedicada a un dos máis importantes escritores cataláns de tódolos tempos: Jacint Verdaguer (1845-1902). Mágoa que xa non estea entre nós Manuel Rodríguez López, escritor que, nado en Sarria no ano 1934, pasou anos e anos, como traballador do común, en Barcelona, onde aprendeu o catalán tan ben que foi capaz de traducir ó galego L'Atlántida (1877), o poema épico co que de contado Verdaguer acadou prestixio académico e popularidade e tamén proxección fóra, pois axiña foi traducido a varios idiomas: francés (1884), italiano (1884), checo (1891), alemán (1897)... A traducción galega, do chorado Rodríguez López, chegaría un século despois das centroeuropeas, en 1984, data na que a Xunta publicou a súa versión nunha edición, por certo, que non está á altura do esforzo do traductor. Carece, por exemplo, de estudio preliminar. Mosén Cinto Verdaguer, excelso poeta e incomprendido sacerdote non herético, nunha ocasión fixo o retrato en prosa dun individuo galego que na emigración, en Barcelona, trataba de gaña-la vida tocando polas rúas o vello instrumento da súa terra, a gaita, daquela con pouco predicamento. Verdaguer escoitou ó vello gaiteiro galego nas rúas Tallers e Valdoncella, nas que ningún veciño nin viandante ofreceu unha esmola ó músico do noso país. Foi peor; alguén berrou: «¡Fóra, fóra!». Verdaguer comenta: afeito o músico á loita pola vida, seguíu camiñando rúa arriba sen cambiar de tocata, agardando, quizais, que nalgún momento cambiaría o vento da fortuna. A escena foi contemplada polo escritor nunha data na que el, decepcionado e abatido, pensaba colgar, para sempre, a arpa da súa poesía. Alertado e alentado pola firmeza do gaiteiro galego, o poeta confesa que se reconciliou coa súa lira, co seu oficio de escritor, do que decidíu non dimitir. Así pois, a actitude dun anónimo gaiteiro de Galicia foi decisiva nun momento da carreira literaria do extraordinario poeta catalán. Teño diante de min a traducción castelá - El Gaitero - dese relato de Verdaguer publicado en La Ilustración Artística días despois do seu pasamento. O relato está ilustrado por un debuxo de Mas i Fontdevila, no que o vello gaiteiro amosa un estraño e xigantesco fol. Sería interesante que figurase esta páxina na sección de iconografía literaria da magna mostra que se inaugurará en Barcelona o próximo día 10.