OS DATOS do último censo de poboación son contundentes. O oeste do Reino de España reveu en habitantes, mentres a poboación da Portugal medra. Comportamentos demográficos tan contrapostos no occidente da Península Ibérica non se deben ao destino senón ás políticas. Tan chamativa resulta a perda de habitantes de Extremadura, Castela e León, Asturias e Galicia como que todas as comunidades da vertente mediterránea incrementaran o seu censo máis de cinco puntos. Esta fractura territorial ten que ver con políticas estructurais non con políticas natalistas. A comparación entre Galicia, que perdeu na última década máis do un por cen da súa poboación, e o norte de Portugal, que gañou seis, é elocuente. Ao seren dúas zonas de características comúns pero en dous estados diferentes, o problema ha estar na xestión política. O comportamento da poboación galega non é unha novidade. O chamativo arestora é que a tendencia a perder poboación neta nunca se dera nos tempos modernos en dous períodos censais consecutivos e que as sete cidades ou non medraron ou perderon habitantes. Contamos con notables historiadores da demografía que demostran como as grandes tendencias demografícas galegas son as mesmas nos últimos séculos. A perda de peso demográfico de Galicia no conxunto español (do 13,5 % en 1787 ao 6,6 % actual), a saturación demográfica, a falla de emprego que obriga á emigración, o despoboamento do interior en beneficio da franxa atlántica..., enxérganse nun longo tunel histórico que os gobernantes non percibiron ou non corrixiron. Tempo tiveron. A algúns só lles interesa que o censo aumente nas eleccións. Outros seguen crendo, como Zapatero, que a Galicia sempre chega tarde un progreso que supostamente se difunde dende o centro. Abonda con non coutalo.