O problema vasco

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

25 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

O PRIMEIRO que teríamos que entender é que se trata dun problema desta comunidade, aínda que a súa violencia, sempre en nome dese país, chegue a golpear en varios puntos do Estado. Logo todos deberiamos estar preocupados polo que sucede en Euskadi, estudar o problema e tentar acadar unha solución, a solución posible. Coido que esto non se está facendo. Alí hai violencia, repugnante derramamento de sangue que leva provocado centenares de víctimas, con familias desesperadas pedindo xustiza, e como contrapartida os cárceres do Estado teñen na sombra non sei se cincocentos ou un millar de vascos, que tamén teñen familias e amigos que os defenden e os xustifican. O País Vasco ten a penas dous millóns e medio de habitantes, e estamos a resolver os seus problemas co poder que otorga a esta democracia participativa un Estado de 40 millóns de habitantes. Hoxe España é un membro do súperestado que é a Unión Europea, que algún día pode acordar por maioría reducir o número de linguas para se acercar a eso da globalización e os países mediterráneos deberán utilizar o francés como lingua maioritaria que nos integrará mellor na Europa. Pode que entón tivéramos un conflicto e tentariamos irnos da Unión Europea. Non deberiamos esquecer que as Hespañas perderon a Portugal porque o Conde Duque de Olivares, que mandaba máis que o Rei, quixo asimilalo impóndolle as normas que se deran eles na meseta e así a comunidade hispana perdeu a principal das Hespañas, polo que os responsables do independentismo, ou arredismo, son quen o provocan. Se en troques de insultar ó Goberno que se diron os vascos, tentáramos atraelos respectándolles as súas peculiaridades, axudándolles a perfeccionalas e a ser tolerantes cos outros pobos, estariamos, tamén, enriquecendo a un Estado tan vario como a Iberia en función de como se desenvolveu nunha historia complexa na que os que se chaman españois do centro e do sur viviron nestas terras menos tempo que os árabes. Certo que o problema hoxe está moi enconado e a cada paso será máis difícil resolvelo. Cando na II República empezaba a estudarse (aquela Constitución a fixo «federable» e non «federal» porque os poderes reaccionarios pesaron) veu o franquismo e por 40 anos nos impuxeron a lei da meseta querendo resolver o problema hispano a trabucazos, incluso encargándolle ós nazis a coventrización dun santuario tan significativo como é Guernica; así a irracionalidade quedaba servida para todos. Querer eliminar por decreto a un grupo político con arreglo ó legal (que non pasa de ser leal a calquer invento) paréceme un camiño equivocado pois caso de que prospere esa ilegalización os prohibidos non van apoiar ós prohibidores, con independencia de que non se sabe se o aparello da xustiza deixará pasar esto. Mais, por favor, non me chantaxeen, pois aínda que condeemos tódalas formas de violencia e de crímenes sen esquecernos dos industriais que cometen as masacres que lidera o Bush de turno (esto para non caer na hipocresía), non merecemos, coido, que se nos acuse de que a nós non nos ameazan os violentos porque queremos resolver o problema racionalmente, cando agora ten difícil solución ¡Si seremos parvos!