Nupcias e poesía

|X. ALONSO MONTERO |

OPINIÓN

21 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

ACABA DE CHEGAR ás miñas mans, mercé ás de Xosé González (o Pepe de Redondela), un fermoso opúsculo que non é venal, razón pola cal, rato eu de bibliotecas, agradezo de xeito moi especial o agasallo. Titúlase o opúsculo Poemas de amor . A antóloga, Xoana González Muíños, aclara que na escolma só recolle «textos, en verso e prosa, de autores galegos ós que se lles dedicou o Día das Letras Galegas». «En todos eles -engade- cántase ó amor». Co libro foron obsequiados os asistentes a unha voda que se celebrou o 17 de maio deste ano no mosteiro de Armenteira. Non sei se os noivos, Olalla e Tito, son poetas, pero teñen unha débeda non pequena coa poesía. Non se casa un impunemente o Día das Letras nun mosteiro, o de Armenteira, onde San Ero oíu cantar 300 anos seguidos a unha passariña , como conta Afonso X na máis excelsa das súas cantigas. A antóloga escolleu con bo criterio páxinas de Murguía, Curros, Cabanillas, Castelao, Martín Códax, Dieste, Cunqueiro... pero é lástima que dalgún poema non se nos ofreza o texto completo. Penso no titulado Eu en ti , de Celso Emilio Ferreiro, un dos grandes poetas amorosos da nosa lírica, tan grande que foi capaz de facer moi fermosos cantos de amor á esposa (Moraima) cando o habitual, en moitas literaturas, é que a amante sexa quen suscita os grandes versos. Un precedente, en certo modo, deste opúsculo, data de 1955, ano no que en Madrid fixo a súa primeira comuñón María Isabel, filla de Xosé Ramón e Fernández Oxea, o gran Ben-Cho-Shey . Eu asistín a aquela celebración. O pai da nena, militante sempre da causa da lingua, agasallounos con cadanseu exemplar do opúsculo en oitavo titulado Ofrenda lírica á nena María Isabel Ramón Algarra no día da súa primeira comunión . Consta de dez sonetos feitos ad hoc a petición de Ben-Cho-Shey, obra de dez poetas, entre eles Cabanillas, Otero Pedrayo, Victoriano Taibo, Gómez Ledo, Bouza-Brey, Carballo Calero e Xosé María Álvarez Blázquez. Este sonetario constitúe, sen dúbida, un fito na historia galega deste xénero poético. Alguén argüirá que se trata de poesía relixiosa feita de encargo, pero sáibase tamén que Ben-Cho-Shey petou en dez portas amigas ningunha das cales era porta de pouca fe.