Escultores galegos

OPINIÓN

PÁXINAS SOLTAS

10 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

QUIZAIS DEBERÍA titular este artigo alternativas ó sol, porque a cousa xurdíu cando unha amiga dixo: «xa que está nubrado, podíamos ir de exposicións...». E dende logo foi unha boa idea, porque este verán en Galicia non haberá moito sol, pero arte de primeirísima calidade haino dabondo: en Santiago, Rodin no Auditorio e Antonio Murado no CGAC; Sol Lewitt na Fundación Barrié na Coruña; Penk na Fundación Laxeiro en Vigo, e unha colectiva de vinte escultores galegos no centro Torrente Ballester de Ferrol. A exposición de Ferrol paréceme especialmente interesante. Hai artistas consagrados e ben coñecidos e outros que serán un descobremento para moita xente. A mostra está organizada por décadas, e como representantes dos anos 80 aparecen Silverio Rivas, Francisco Leiro, Manolo Paz, Ignacio Basallo, Jorge Barbi, Paco Pestana e Fernando Casas. Dos 90 seleccionouse a Xavier Toubes, Rosalía Pazo, Manuel Patinha, María Xosé Díaz, Jesús Valmaseda e Caxigueiro. E dos artistas que se deron a coñecer na derradeira década do século están Pamen Pereira, Suso Basterrechea, Carlos Rial, Xoán Anleo, Salvador Cidrás, Mónica Alonso e Arturo Puentes. Como ven, unha amplia variedade para todos os gustos. Os meus lévaronme a disfrutar en especial dalgunhas obras: dunhas impresionantes instalacións de Caxigueiro, verdadeiramente deslumbrantes; da elegancia e do misterio cargado de suxerencias de Valmaseda; do lirismo e a beleza formal de Basterrechea; dun leito de pedra de Pamen Pereira no que a unha lle apetecería facer de estatua xacente; do máxico espacio reversible de Rosalía Pazo, e, como non, dos engaiolantes espacios luminosos de María Xosé Díaz. Ó saír da exposición escoito a conversa de dúas rapaciñas que van acompañadas dos pais. Unha dille á outra: «¿Sabes que che digo? Que eu quero ser escultora». A esa mesma hora, centos de rapazas fan cola ás portas do local onde vai actuar un dos membros de Operación Triunfo . En verdade que hai moitas alternativas á praia, pero unhas son máis recomendables que outras.