27 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

O VISITANTE de fala románica en Atenas séntese analfabeto ao principio, pero pode superar a eiva con lembranzas da linguaxe científica. Logo identifica letras e letreiros, entende o fundamental: «éxodos» é saída; «ísodos», entrada; «ánodos», subida; «káthodos», baixada. Importante nas calores de «Athina» é identificar o «klimatismo» do aire acondicionado. Difícil sería acadar outros significados, coma o de Plaka, nome do barrio onde se verten Europa e Norteamérica, peregrinas ás orixes da civilización chamada occidental. Plaka -informa un colega tecnolóxico- quere dicir Laxe, topónimo que se repite por toda Grecia. Nesta Laxe ateniense, baixo a Acrópole senlleira, circulan turistas sedentos. Bar recomendable é o Bettos, con alzadeiros cheos de botellas coloridas, iluminadas, desde o mostrador ao teito. Nel adoita dar doutrina un dos moitos ianquis fuxidos da súa patria sen raíz nin sazón: como se canta en Cambalache , tango famoso, el di que o mundo é unha porquería; e asegura que España é unha USA do pasado, imperio no que non se puña o sol, baseado na cobiza, no desexo de dominar... Aquí cómese na rúa, con servicio desde a taberna que abre portas ao lado. Os camareiros sortean transeúntes; e os gatos xorden ao cheiro do peixe na esperanza dunha espiña saborosa. O peixe é seco; os viños, bos (non gloriosos). Ofrecen un anís que mataría cabalos, malia o rebaixe de auga e xeo. Na igrexa da Metamorfose, allea a tanto rebumbio, hai silencio. Mozas novas bican vidros que cobren estampas de santos. Na entrada, a un canto, le un pope estático de barbas brancas sobre sotana negra, a melena ben amarrada. Neste recuncho ortodoxo e barroco Grecia supera a súa ansia de diñeiro turístico.