PERMÍTANME que hoxe dedique a sección a varias palabras que ultimamente teño escoitado co gallo do enorme esforzo de coordinación realizado para xerar o novo redeseño do xornal . Como saberán, dende onte La Voz preséntase cun novo formato, cun novo deseño. Tanto deseño como o seu derivado redeseño son palabras galegas, fronte ó castelán diseño e diseñar (do italiano, disegno ). Velaí que, mesmo ás historietas ilustradas se lles denomina banda deseñada , calco do francés bande dessinée , se ben está admitida co mesmo significado a palabra cómic . Este novo redeseño do xornal non se tería levado a cabo se non fose polo esforzo de moitas persoas e grandes doses de coordinación. As palabras coordenar e coordenación , que a miúdo aparecen escritas na prensa, son formas non estándares na lingua galega. Débense empregar coordinar e coordinación , respectivamente. Por último, La Voz, como saben, é un periódico que sae a diario. É, xa que logo, un xornal , palabra derivada do latín diurnale . Fronte a La Voz, existen outro tipo de publicacións periódicas non diarias, como os semanarios. Sen embargo, na actualidade, a forma xornal emprégase como sinónimo de periódico . De aí que ós profesionais da comunicación se lles chame xornalistas ou periodistas . Hoxe, Falar Ben dedicouse á xente da casa. Dedicouse ó noso renovado xornal. Un periódico, La Voz de Galicia, que dende hai 120 anos ten un único compromiso con Galicia, e con vostedes, os lectores. falarben@lavoz.es