A idea dunha comunidade de nacións europeas foi un soño agarimado ó longo do século dezanove por políticos e intelectuais . A reacción contra o imperialismo napoleónico fixo xurdir os nacionalismos, pero non acabou coa utopía dunha Europa unida. Un dos textos máis fermosos literariamente e máis xenerosos na súa ideoloxía foi o discurso que Victor Hugo, o literato francés, fillo dun xeral do exército que combatiu en España, pronuncióu en agosto de 1849 no Congreso da paz. Traduzo algún fragmento: « Virá un día no que Francia, Rusia, Italia, Inglaterra, Alemania, todas vos, nacións do continente, sin perder as vosas cualidades distintivas, vos fundiredes estreitamente nunha unidade superior, e constituiredes a fraternidade europea, absolutamente igual que a Normandía , a Bretaña a Borgoña, a Lorena, a Alsacia e todas as nosas provincias se fundiron na Francia». Da arrepío pensar que esto hoxe non se pode dicir en España, onde parece que cada porción de terra abomina da unidade patria e non aspira máis que a señalar as enormes diferencias que as separan de todo o resto da nación. E tamén da pena constatar que o que hoxe une á comunidade europea pouco ten que ver coa fermosa utopía de fraternidade do escritor: «Virá un día no que se verá a dous grupos inmensos, os Estados Unidos de América e os Estado Unidos de Europa tendéndose a man por riba do mar, intercambiando os seus productos, o seu comercio, a súa industria, as súas artes, os seus xenios, labrando o mundo, colonizando os desertos, mellorando a creación baixo a mirada do Creador, e combinando xuntos, para alcanzar o benestar de todos, estas dúas forzas infinitas: a fraternidade dos homes e o poder de Deus». De momento, o único que une a Europa é a moeda e os intereses económicos e non parece tampouco que a relación con Estados Unidos sexa a soñada por Victor Hugo. O fracaso das súas profecías parece dar a razón ós que pensan que a literatura non serve para mellorar o mundo no que vivimos. Eu coido que se engañan. A obra de arte é un ben en si mesma que todos podemos disfrutar, e as fermosas utopías serven para que non esquezamos que así é a vida... pero que podería ser mellor.