O ALMIREZ DE CHAO

OPINIÓN

12 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Teño diante de min o retrato. Un grabado a liña, probablemente unha xilografía, na que o militar, «aquela criatura feroz», en palabras de Curros Enríquez, capitán xeneral da represión absolutista da Galicia de 1824, Nazario Eguía, aparece virado de esguello, reclinado na cadeira, amosando o tocón do brazo dereito cercenado. A ferocidade represiva do decenio 1823-1833 foi das que marcaron época. O arcebispo de Santiago, Rafael de Vélez, falaba xa entón de cruzada para xustificar a represión contra os impíos, os inimigos de Cristo e de el-Rei, ós que cumpría non dar cuartel e exterminar de raíz, segundo as súas propias palabras. Dende a levítica Compostela, contra as «cidades do mar» (A Coruña, Pontevedra, Vigo), dirixían as operacións de limpeza os dous personaxes.Vélez era o inspirador político e relixioso das terribles operacións. Eguía, o seu brazo armado. Así os retratei na miña novela «O triángulo inscrito na circunferencia». O próximo luns, a familia Luca de Tena, a través de dona Esperanza de Haz, entrega á Fundación Penzol o almirez de bronce do boticario Xosé María Chao (1790-1858), a quen se atribúe o atentado que a resistencia liberal perpetrou contra o xeneral Nazario Eguía: a primeira carta-bomba da que se ten noticia en Galicia. Disque nese almirez se fabricou o artefacto. O xeneral recibíuno moi privadamente no seu despacho da capitanía, en tres sobres secretos, supostamente remitidos por el-Rei. Non perdeu a vida. Pero perdeu o brazo, tal que aparece no debuxo que teño diante de min. En 1826, no xuizo que se lle fai ó boticario, cítase o almirez como proba. Pesa 38 kilos, e leva grabados no bronce un grial, unha imaxe da Virxe de Guadalupe e unha cruz romana. ¿Quen era Xosé María Chao? Mágoa que saibamos tan pouco da nosa historia. Viña das terras de Ribadavia, figura senlleira do activismo liberal. Instalouse en Vigo, nunha botica que aínda existe na praza da Constitución, e que rexentou durante anos don Rafael Luca de Tena, andaluz de orixe. De feito, a botica de Chao pasou a outras mans logo dos graves acontecementos que comentamos. Os seus fillos escribiron tamén páxinas sobranceiras da historia do progresismo. Eduardo Chao (1821-1887) foi ministro e redactor da Constitución Federal da Primeira República, por exemplo, propulsor do ferrocarril e de ambiciosos proxectos de modernización da cidade, que xa entón era un dos pulmóns do cambio económico e social. Curros Enríquez escribíu del unha magnífica biografía, que é tamén unha excelente crónica política. Alejandro Chao (+1894), emigrante en Cuba durante algún tempo, promoveu e financiou empresas editoriais tan significativas coma os xornais La Oliva , El Miño ou La Ilustración Gallega y Asturiana , da que foi director Manuel Murguía. O almirez de bronce, que poderá admirarse a partir do luns naBiblioteca Penzol, é un símbolo daquela dramática e desesperada época.