Hoxe inaugúrase na Escola de Verán de Ferrol un simposio sobre o tema co que titulo este artigo. Como a partires do 1936 estívose a enterrar a memoria histórica, e aínda non nos temos liberado desta desmemoriación, convén recordar algunhas cousas, sobre todo para a xente nova que, en xeral, non tivo ocasión de coñecer, pois teño que lamentar que algúns estudiosiños esfórzanse en presentar certos achádegos calando o antecedente. Todo o que se fai sen ter o coñecemento do raíz do que se quere satisfacer pode ir polo peor camiño cara ó futuro, porque este é sempre incerto. Ó falar dunha nova escola galega penso que se trata de facer algo novo que responda ó interés de Galiza, que é unha realidade moi vella. Movemento de renovación pedagóxica Galiza tivo antes da Guerra Civil un importante movemento pola renovación pedagóxica. O primeiro con esta preocupación foi Xoán Vicente Viqueira, sobriño de Carmen, casada con Manuel Bartolomé Cossío, fundador, con Francisco Giner de los Ríos, da Institución Libre de Enseñanza, que agromou na II República o desenvolvementoo científico da España. Todo isto ten un recordo nostálxico na Quinta de San Vitorio, en San Fiz de Bixoi, no concello de Bergondo, pero máis ligado a Betanzos, pois en Bixoi se iniciou a vida dos Beccaría, que logo tivo un gran predicamento en Betanzos. Nesta liña renovadora, e non só da pedagoxía, está o Seminario de Estudos Galegos, institución creada no ano 23, un ano antes da morte de Viqueira. Na dirección da sección de Pedagoxía do Seminario estaba Manuel Díaz Rozas e nela traballaban Núñez Búa, García Vidal, Álvarez Limeses, Filgueira Valverde, Torres, Xosefa I. Vilarelle e Álvaro de las Casas. Cando no fatídico ano 1936 prohibiron e expoliaron ó Seminario, agás un, todos os desta sección foron sancionados, como todos os membros activos do Seminario, empezando polo seu presidente, Otero Pedrayo. Dous da Sección de Pedagoxía morreron no exilio e un foi inmolado. Manuel Díaz Rozas Manuel Díaz Rozas nascera na Coruña a finais do século XIX. No 1918 remataba os estudos na Escola Superior de Maxisterio de Madrid. No 1920 estuda Paidoloxía no Instituto Rousseau, de Ginebra, ó lado de Pierre Bovet. Neste ano é inspector de Ensino na Coruña. No 1924 percorre cun grupo de profesores Francia, Bélxica e Suiza sendo o portavoz do grupo na Sorbona. Dende París segue estudos en Londres, Oxford e Cambridge. Na Dictadura de Primo de Rivera é sancionado por republicano. No ano 30 segue estudos en Francia, Bélxica, Suiza e Italia. No 1931 figura na Agrupación ó servicio da República relacionada coa ORGA, e no 33 forma parte como independente dunha candidatura social-republicana-galeguista. No 36 foi sancionado e no 41 separado definitivamente, non logrando regresar, precariamente, até o 1952. A súa excepcional e internacional biblioteca conservouse en condicións lamentables nunha casiña situada na parroquia de Vilaronte, de onde era a súa muller, Cristina Pol, que tamén era pedagoga. Débese a súa recuperación a Antón Costa, así como os datos, tomados dos seus libros, sobre Díaz Rozas. A biblioteca está hoxe ó coidado dos responsables da Área de Pedagoxía do novo Seminario de Estudos Galegos.