¡Ave, Camacho! Un estilo, un sinal de identidade, un torvo asunto xenético. O camachismo é unha ideoloxía. O fútbol entendido como xogo, exercicio de vigor plástico, deixou de ter importancia cando unha garda pretoriana de adestradores nimios (raciales, malhumorados, desafiantes, simplicísimos) penetrou nas súas esencias. Só ten valor o resultado. Camacho marcha e este columnista eleva cánticos de gloria a todo o santoral. Alégrome. Que se vaian todos os Camachos e por fin quede incólume o fútbol de Víctor Fernández, Cruyff, Menotti, Ronaldo, Pepe Guardiola. Ou de Fernando Vázquez. Este galego, ao que ninguén cita, debe ser o adestrador da selección. Outorgaría unha certa clase a esta ocupación ostentada nos últimos anos pola simpleza argumental, o deterioro constante, a agresividade intrínseca. ¿Que foi da poesía balompédica? Parece que só o pincel de Brasil, e Turquía, reconcilia aos futboleros coma min co destino. Gracias a esta rubicunda demisión, gracias a Camacho, a esperanza regresa ao meu corazón alipartido. O correr gaceloso de Ronaldo é unha pintura de Van Gogh envolta de espigas e bolas de billar. O mundo volve ter sentido. ¡Ave, Camacho!