CASTELAO E «OS VELLOS»

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

Estos días andaban polas rúas e os medios uns rapaces novos inconformes con que se teña verquido ao castelán Os vellos non deben de namorarse levado a Madrid e posto en escea polo Centro Dramático Galego e o Centro Dramático Nacional. A proposta medrou cando por atención do Centro Dramático Nacional presentouse en Santiago a versión castelán da obra. Contrasentido Coido que se trata dun contrasentido, mais eu discúlpoa, pois cousas así máis disparatadas e dramáticas as teño feito eu polos meus 15 anos: cando a propaganda do plebiscito de Estatuto de Autonomía no ano 36 no taller de meu pai fronte a unha admonición de Ánxel Casal por disparates que faciamos os mozos eu chameilles reaccionarios a el, a Castelao e a meu pai, quen me botou desafiante de xunto eles. Logo a sorte destes tres homes doume unha lección que aínda hoxe tenme arrepiado e agoneado, pois dous deles foron inmolados nas cunetas de Galiza e Castelao morreu no exilio dándonos un inmortal exemplo de saber e de lealtade á súa terra como ninguén o ten dado. Os rapaces que agora protestan polo de Os vellos non deben de namorarse en castelán (que non en español) exhibían unha pancarta na que reproducían en galego pensamentos que Castelao dixo en castelán ao presentar no 1944 o Sempre en Galiza , texto que fun eu quen deu conta del na Galiza cando morría o franquismo primario. Tamén o Museo Carlos Maside garda o manuscrito orixinal de Castelao, e a súa voz, presentado en castelán a representación da obra en Montevideo. Se fose cousa mal feita poñer a obra de Castelao en castelán, en inglés ou en chino, para se comunicar co mundo, habería que fusilar a Manuel Rivas, a Neira Vilas, a Suso de Toro, a Reixa... e moitos máis que levan a cerna do noso ser polo mundo adiante. Polo ano 72 representouse en Barcelona unha versión castelán de Os vellos moi expresionista, que admiramos xuntos Eduardo Blanco Amor e máis eu. (Non recordo de quen era o texto e a posta en escea, mais algún Instituto de teatro o terá recollido). Temos que agradecer ós cataláns a súa atención polo noso espírito reivindicativo cando existe na nosa cultura. Como eu tamén o padecín teño que disculpar as beaterías que ás veces aparecen nos poucos anos. Nunha conferencia de Paco del Riego no Auditorio de Sargadelos, haberá 30 anos, uns rapaces dende o público esbardallaban querendo darlle leccións de galego e galeguismo a Del Riego. Ánxel Fole empezou a falar e Del Riego pediulle que baixase ó escenario a contar a anécdota que estaba empezando: foi nunha excursión con rapaces ao Guadarrama; no camiño empezou a nevar; un deses mozos beatos, como min cando tiña 15 anos, recollendo unha presa de folerpas guindounas contra o chan dicindo que eran casteláns e non tiñan ren que ver coas da nosa terra. Non temos solución. Namentres o neoliberalismo nos ten nas súas fauces colonizadoras, nós gastamos o tempo nestas cousiñas.