FRANQUISMO IDEOLÓXICO

OPINIÓN

Abonda con ler ós ínclitos Elorza, Marías, Bueno, Savater, Trapiello, Ramírez, e tantos outros, para que nos decatemos da pouca orixinalidade ideolóxica que nestes vintecinco anos se produciu. Un ten a impresión de que a única gran misión de aqueles no mundo é combate-los nacionalismos, agás o español. E ó seu dispor está, ou se pon, unha prensa que se ten por progresista. Nos seus escritos, que non direi pensamento, todo se reduce a unha defensa do estado-nación e, á par, a unha visión restrictiva das demais nacionalidades. E, non faltaba máis, Ortega é apoio ideolóxico de todos eles nos conceptos de nostalxia do imperio español, de hexemonía castelá, de antiautonomismo. Pero de Ortega xorde de maneira ben natural José Antonio, coa súa «unidad de destino en lo universal» e ferreño antiautonomismo. E esas son tamén as mesmas ideas, as grandes ideas, do franquismo -do que tan preto parecen estar aqueles autores-, gran defensor do imperio e de aquela triste España una, grande y libre . Ou sexa, do máis vello e reseso nacionalismo español. ¿Tanta é a pobreza ideolóxica dalgúns que para desenvolver unha idea do Estado, ben pouco constitucional, teñen que recuar ata Ortega, José Antonio e o franquismo?