Nada radikal parece a lingua galega se atendemos ó uso da letra k . O alfabeto galego consta de vintetrés letras e seis dígrafos (ch, gu, ll, nh, qu, rr) , e entre as vintetrés non están o j , o k , o w e o y , dado que non forman parte da estructura lingüística. Estas letras só se empregan en palabras estranxeiras, algunhas delas adaptadas ó idioma a través da acentuación: whisky, jazz, júnior, yuppie, kami-kaze... Constitúe un erro habitual atopar na escrita kilogramo en lugar de quilogramo , ou kilómetro no canto de quilómetro . En galego, tódolos compostos formados coa palabra quilo escríbense con qu , non con k . A forma vikingo/a aparece nos diccionarios galeguizado como viquingo/a . Así tamén a palabra koala , procedente dunha lingua australiana, foi adaptada como coala . Algúns autores teñen substituído o k dalgúns topónimos por c ou qu . Deste xeito non é raro atopar escrito Quenia, Toquio, Helsinqui, Cabul ou Alasca . Sen embargo, outros nomes seguen a consevar o k orixinal como Kuwait, Kosovo e Kansas . Á marxe da filosofía subxacente no tratamento destes topónimos, parece existir un rexeitamento do galego polo k , cando resulta ser unha letra que en tódalas linguas se corresponde cun único son, a diferencia do que sucede, por exemplo, co c . En galego, os okupas téñeno algo máis difícil. O dito, nada radikal .