Hai unhas datas, unha señora de conversa na sala de espera dun hospital dicíalle ás compañeiras: «Eu estiven en Cuba, e alí con dólares non tiven ningún problema». Lembro esta anécdota porque Fidel acaba de facer saír ás masas as rúas polo procedemento de ir avisando polos pisos ós veciños os comisarios políticos de barrio. E o que non se sume á manifestación, xa sabe ... Agora Fidel Castro quere perpetuar o seu país como Estado socialista in aeternum . Algo parecido ó que Franco dicía dos Principios Fundamentais do Movimento, que pola súa natureza eran «permanentes e inalterables». Defender o socialismo está dentro das normas lexítimas de calquer Estado democrático. Cuba non o é, aínda que os nenos non morran de fame. Alí hai presos políticos, sindicato único e partido único e non hai liberdade de prensa. Todo un exemplo de como se debe perpetuar ao socialismo dos nosos pecados. Mais para lle quitar ferro a iste despotismo caribeño, haberá que lembrar cando recén instaurada a Revolución cubana, Fidel preguntou ós seus comandantes se alguén sabía de economía, ó que respostou o Che Guevara que el mesmo. Puntualizándolle Fidel que o que quería era un ministro economista, non comunista...