Convencido da importancia do sucedido, vouno dicir sen eufemismos: o sector pacorodríguez da UPG (que non toda a UPG, na que se aprecian cada vez máis diferencias internas) impuxo os resultados das eleccións de a Mesa pola Normalización Lingüística, inicialmente creada como unha organización plural e apartidaria para a normalización da lingua galega. Efectivamente, ese sector da UPG mobilizou o apoio á candidatura gañadora nas eleccións que se produciron na Asemblea Extraordinaria. É certo que os resultados son democráticos; o novo equipo que preside a Mesa está, daquela, lexitimado polo proceso electoral que lle deu a victoria para levar adiante o seu traballo e, nese sentido, non cabe máis que felicitalos. Pero tamén é importante que se saiba (e se debata) como se vehiculizou o apoio e de onde procedeu. Sobre todo, porque o sucedido significa un retroceso histórico de consecuencias dificilmente avaliables non só para o futuro da acción da normalización lingüística senón tamén para a concepción política e ética do nacionalismo; especialmente para os que pensamos que a defensa da lingua só se pode facer desde a integración, a implicación social e a neutralidade partidaria. A vehiculización do apoio á candidatura gañadora que levou a cabo o sector pacorodríguez (empregando os resortes do seu entorno político, estudiantil e xuvenil, asociativo e sobre todo sindical) foi orgánica e canalizouse a través de correos electrónicos oficiais do BNG e a través da mobilización das estructuras comarcais da UPG. E conste que non poño en dúbida a súa lexitimidade para facelo (non me corresponde a min dicilo), pero creo que, polo ben do nacionalismo e o futuro do seu comportamento social, é necesaria unha reflexión sobre este tipo de prácticas que atomizan a pluralidade e supoñen un freo no diálogo social do nacionalismo e na súa democratización. Porque, parafraseando a Unamuno, venceron pero non convenceron e, parafraseando a Montalbán, o resultado foi unha derrota da intelixencia.