...amei na vida, dicía o bolero, naqueles tempos dos Panchos e das unións para toda a vida. Agora, cando os amores son volubles e o número de divorcios anuais está equiparado ao de matrimonios, mellor será abandonar aquela aspiración sentimental. O que produce estupor é que a Igrexa renuncie tamén ao rigor doutrinal e declare que os prelados e curas pederastas, denunciados por acoso sexual, se abusaron soamente unha vez non serán castigados e poderán seguir exercendo o seu apostolado. Pola contra, se unha rapaza se deixou soamente unha vez, non pode tomar unha píldora ao día seguinte para evitar consecuencias máis graves. A dobre moral relixiosa mostra as súas incongruencias. ¡Que dirán aquelas criaturas educadas no nacional-catolicismo, na práctica das confesións dos pecados mortais e veniais e no temor causado polas amenazadoras homilías e os relatos truculentos dos exercicios espirituais! Un só pecado mortal chegaba para pasaren toda a eternidade ardendo nas caldeiras de Pedro Botero. Como daquela, coa censura xeneralizada, había poucas ocasións de pecar, o máis socorrido eran os malos pensamentos, e a xuventude, amedrentada, trataba de evitar as tentacións que o demo lle dicía na orella, ou nos circuitos neuronais. Cun único pensamento impuro condenábanse e perdían o paraíso. Aquel paraíso fabuloso, onde era difícil que entrasen os ricos, co simil do camelo que non podía pasar polo ollo dunha agulla, agora fíxose totalmente capitalista e sitúase nos bancos e nas inversións nas que se poida escapar do fisco. Moral e lei Sei que a dobre moral eclesiástica non é nada novo. A que si é nova é a contradición que se establece entre esa moral e a norma legal e política. A medida que as sociedades se democratizan, a medida en que os códigos legais se actualizan, pasan a ser delictos os que antes eran pecados sexuais, ocultos, inconfesables, e a incoherencia entre moral relixiosa e lei se agudiza. Acabamos de comprobar como no noso país, en vías de democratización, aínda foi novidade legal a condena dun delicto de acoso sexual, un feito tan antigo, abundante e normalizado que ten dificultades en ser considerado delictivo, non só pola sociedade, senón polo propio fiscal que confunde a víctima co acusado. Tamén é moi reciente a denuncia e condena dos malos tratos ás esposas, e os asoballamentos que se levan a cabo no eido privado onde se debe lavar a roupa sucia. En países onde a xurisdición civil está instalada con anterioridade, é onde se producen máis denuncias deste tipo de abusos; en sociedades nas que a moral relixiosa é lei, as víctimas, culpabilizadas, avergónzanse de selo e ocultan as marcas criminais e as feridas psicolóxicas. Esta é a razón de que xorda nos EEUU o escándalo dos eclesiásticos pederastas. O amparo legal das víctimas é o que motiva as denuncias, que xa rondan as 1.500. Porque sería insensato pensar que ese comportamento é exclusivo dos curas norteamericanos. Noutras partes, simplemente, non se denuncia. O que se está poñendo de relevo é a disparidade entre o fundamentalismo relixioso e a lei civil; a contradicción entre a moral católica e a lei democrática; a diferencia entre pecado e delicto. Isto que vemos con claridade cando se trata dunha sharia musulmana, cando condenan a morrer lapidada a unha muller adúltera en razón dunha moral arcaica e inxusta, a penas o apreciamos na casa. Un certo etnocentrismo dificulta que comprobemos a arbitrariedade na moral católica, pero resulta evidente que se contradice coa normativa legal e constitucional. Cando saíu á luz o acoso e violación de monxas e misioneiras polos seus correlixionarios, a Igrexa non tratou o tema como delicto, senón como pecado. Deste modo, non só quedaron impunes os violadores, senón que as víctimas quedaron fóra de toda consideración. No caso dos curas pederastas preocúpanse pola súa alma (e sobre todo polos millóns que lles está costando as indemnizacións) e non pola tortura e os desquilibrios psíquicos dos nenos agredidos. Igualmente, na tan traída e levada pastoral dos bispos bascos, tamén se esquecen dos sacrificados. O fundamental para a Igrexa é salvar os pecadores. A importancia que aínda lle conceden o Goberno e os partidos da oposición aos seus comunicados e criterios é indicador de restos de talibanismo na sociedade española.