Cando o elemento de orixe grega neo se antepón a outra palabra, agrégalle a significación de recente ou novo. Entre as moitas palabras compostas deste xeito está neoloxismo. A novidade, neste caso, refírese ás mesmas palabras que forman o léxico normal dunha lingua, xa que loxismo/s , tamén de orixe grega, significa etimoloxicamente razoamento; é unha forma de expresar os razoamentos é mediante palabras. Se admitimos, como todo o mundo aproba, que a lingua é o que a xente falamos e somos históricos por cambiantes; tamén as nosas formas de expresión evolucionan e renóvanse connosco e coas novas necesidades expresivas. Esa renovación léxica fana os neoloxismos ou palabras novas. Aparecen máis a miúdo nos eidos científicos da investigación de vangarda ou en punta . A orixe das novidades pode proceder dos recursos internos da propia lingua que elaboramos a base de étimos, de palabras preexistentes: derivando, compoñendo, imitando, etcétera, por exemplo: teletexto, audífono. Tamén acudimos moito a recursos externos, a outras linguas. Neste caso, podemos falar de neoloxismos prestados ou de calcados. O préstamo é unha palabra tomada doutro idioma, se na nosa lingua non existe a palabra e necesitámola para expresar algo, estaremos a falar dun préstamo necesario que, con exactitude total, é propiamente un neoloxismo por exemplo, baloncesto. Préstamo Por tanto, un neoloxismo é «a palabra que unha lingua colle prestada doutra porque necesítaa». Se a palabra prestada se segue utilizando sen cambiarlle nada, falamos dun calco , por exemplo, shock. O paso do tempo e o costume fan que os neoloxismos entren de cheo na nosa lingua (e non saibámo-la súa procedencia) ou pasen de xeito fuxidío. ¡A vida das palabras tamén é algo singular! ¿Por que non triunfou basket-ball e (parece) vai callar basket ? Finalmente, hai quen gusta de empregar moitos neoloxismos por mor de mellora-lo estilo. A iso chámaselle neolalia: esaxeración de neoloxismos inventados e innecesarios. Para enviar preguntas: que.es@lavoz.es