¿FOLGA OU GREVE?

SANDRA FAGINAS falar.ben@lavoz.es

OPINIÓN

18 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Nos últimos tempos vénse empregando o termo portugués greve no lugar de folga . Nas mobilizacións estundiantís de principio de curso, os universitarios parecían dividirse entre os que facían folga e os que facían greve . Algúns mesmo se diferenciaban destes dous grupos pronunciando a forma portuguesa como greva . O substantivo folga pertence a mesma familia léxica que folgar (do latín follicare ). Así, folga ten o significado inicial de ¿situación de quen está de lecer ou descansando do traballo¿. Deste derivouse un segundo significado ¿cesamento do traballo feito voluntariamente de común acordo cos traballadores¿. O adxectivo folgado/a cualifica a quen está ¿sen ocupación¿ e folgazán dise ¿daquel que rexeita o traballo¿. O termo portugués greve procede do francés grève . Hoxe esta voz francesa designa unha ¿folga¿, pero primeiro significou ¿ribeira areosa¿. O concello de París foi construído a carón do río diante dunha ribeira areosa, isto é, unha grève , e a súa praza foi denominada Place de la Grève. A esta acudían os folgazáns, e máis tarde os obreiros que solicitaban traballo. Tras diversas evolucións, na actualidade o substantivo francés grève , e de aí o portugués greve , ten o significado de ¿abandono deliberado do traballo¿. Parece máis adecuado non acudir á palabra portuguesa, derivada do francés, dado que o galego coñece unha forma propia.