NA CIDADE DO POLANSKI

OPINIÓN

15 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

De Varsovia a Lodz vaise por estradas de firme parcheado. Vense amplos leiros de pataca, trigo e aveas, herbais estensos nos que pacen vacas holandesas; e casas de ladrillo pobre. Tamén hai fragas e fraguiñas. En calquera arrabaldo vilego e fraguento mozas ucraínas ofrécense por quince euros. Lodz (con ele tildado e zeta acentuado), que se pronuncia Udch, é a patria de Roman Polanski. Cidade téxtil, orientada ao mercado da Rusia e os seus satélites, hoxe esboróase. Case tan grande coma Varsovia, baléirase. Parece un museo de edificios sen mantemento. Cando a Polonia foi dividida entre Prusia, Rusia e Austria, Lodz «tivo a desgracia de caer nas mans do zar» pero a sorte de que á vila rural dese tempo chegasen algúns empresarios alemáns. Velaí as industrias de pano e o crecemento: fábricas, parques e pazos. A guerra de secesión norteamericana marcou as glorias de Lodz: un alemán ben informado previra a crise e almacenara algodón do que os escravos negros colleitaban. Dese xeito marcou prezos, e o ouro correu cara a Lodz. A revolución rusa puxo fin ao esplendor da cidade porque o ouro depositado nos bancos de Moscova caeu nas mans dos bolxeviques. Con todo, Lodz sobreviviu e Polonia reuniuse. En Lodz a cinematografía chegaría a ser industria, e Polanski, mito. A escola de cine onde estudiou o Roman ten solemnidades que o xenio sinistro rompe, fotografado en camisa. O museo do cine foi a mansión dun industrial alemán megalomaníaco. A este deulle pola arte. Pero tivo un compatriota e competidor na industria téxtil que adoraba os incendios e vestía de xefe de bombeiros para asinar contratos. Non é estraño, logo, que o Polanski proclame que lle debe todo a Lodz, aínda que a considere «unha cidade morta».