Pensaba escribir hoxe sobre o amor, onde abondan motivos pra mostrar inconformidade polo que se especula con este lerio, mais estanse vendo uns mouros nuvoeiros, que obrigan a que non nos confundan con esos que cando ven un drama ollan pra outra banda, cantándolle á violeta e fan abstraccións do melindre. Sharon pídelle permiso a Bush pra defenestrar a Arafat, mentras a metralla dos israelitas chega ao mesmo leito no que durme Arafat. Non é ningunha novedade que o Sharon non fai máis que interpretar os designios demoledores dos intereses establecidos nos EE UU. El é só unha mala besta fiel ao seu amo. Os tiros rozan a Arafat na cama, pero ainda non o matan. Fican a espreita pra o intimidar e ver se morre dun susto pra que non figure que eles o asasinaron. Non saben, non sabemos, o que pode pasar se se chega a saber que os israelís, por mandato do amo, acabaron con Arafat. Certo que o mundo árabe, e ainda que os reaccionarios e ignorantes tentan disimular esto decindo que se trata de terroristas, o certo é que non saben que non é a primeira vez que unha creencia nun sector social deprimido sembrou de mártires o mediterráneo pra derribar un imperio. O egoismo que domina este conflicto do Oriente Medio non deixa entender a realidade fonda destes feitos, e é esta cegueira dos poderosos a que lles impide correxir os seus erros, nin lles permite ver que eles non son capaces de inmolarse por cousa algunha, porque non pensan máis que incrementar indefinidamente o moito que xa teñen. O seu éxito é que cada día se coticen máis no mercado, mentras que os que se inmolan non teñen ren que perder nin un horizonte pra sair do mundo inxusto que temos. Estos días, invitado por Ghaleb Jaber pra lle entregar o Araguaney de Ouro, Miguel Ángel Moratinos, que representa á UE na percura da paz no Oriente Medio, dixo cousas moi importantes nun fermoso discurso que revelou os seus conocementos históricos, coa sospeita de que a historia se repita. Ainda que os medios non o recolleron, advertiu do erro que representa o non respetar aos povos, que teñen unha identidade natural diferenciada, en función de intereses alleos máis grandes e máis fortes. Esto ía como esa técnica de llo dizer a Xan pra que o entenda Pedro. Como moitos dos que escoitaban esto eran da mesma corda dos que mandan na meseta, os mesetarios, e quen, pegado a eles figuran no papel como oposición, sería ben que lles dixesen que se deixasen de facer parvadas ao coidar que é democrático impoñer a voluntade dun territorio de 45 millóns de habitantes a un povo de tres millóns que loita por defender a súa identidade, con independencia de rexeitar quen en nome de radicalismos cometen cousas execrables. Non sei se non me houbese ido millor adicarlle esta crónica ao amor, como nun principio me propuña, se non fose por ese pedido de Sharon a Bush pra que o deixe acabar con Arafat, mentras o tirotea no seu leito, coa boa puntería de non lle dar.