A PERRUQUERÍA

SANDRA FAGINAS (falar.ben@lavoz.es)

OPINIÓN

08 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

O outro día na Televisión Española, Nina de Operación Triunfo mostraba o seu agradecemento ás persoas que facían posible o éxito do programa: «maquillaje, perruquería, cámaras...». Nada máis rematar a frase, rectificou o seu catalanismo perruquería polo español peluquería. Neste caso, catalán e galego coinciden. En contra do que teñen pensado algúns falantes, as perruquerías que se anuncian na rúa non son «peluquerías para perros». Esta palabra galega provén do francés perruque, que en castelán evolucionou de xeito distinto ás restantes linguas románicas, ó cruzarse coa forma pelo; é de aí, en lugar da esperada perruca, aparecen peluca e peluquería. En portugués escrébese peruca; en italiano, perrucca ou parrucca; en catalán e galego, perruca, e en francés, perruque. Mesmo o termo inglés wig está vinculado sorprendentemente á palabra de orixe francesa. Algúns lingüistas consideran que as formas italianas perrucca e parrucca deron lugar a finais do século XV á forma francesa perruque, que influíu en moitas linguas románicas e que os ingleses tomaron prestada como perruke. Ó longo de diversas transformacións (perruck, perwyke, perwick) este termo derivou en periwig, datada no XVIII, e da que procede a actual wig. As perrucas utilízanse dende o Antigo Exipto e coñeceron o seu esplendor na Francia do XVII, onde adoitaban facerse con pelo de cabalo. Nada que ver co que sucede hoxe. Prefírese levar o cabelo ó aire... ou con perruquín.