Ana, Iria, Xavier, Ernesto, Xosé Manuel... Teñen entre vintatrés e corenta e poucos anos. Algúns levan dezasete aquí, na sede das institucións comunitarias. Outros chegaron onte, coma quen. Helena, por exemplo, é secretaria de dirección. Catro idiomas. Ata hai pouco estaba na Comisión Europea. Agora está en Educación. Ten unha filla. A pequena tiña uns meses cando viñeron. Acaba de cumprir quince anos. «Cando empece na Universidade e dependa menos de min, pedirei o traslado a Exteriores. Quero saber qué pasa fóra. Apetéceme viaxar». Manuel fixo o camiño contrario. Licenciouse en Santiago. Auditorías en América Latina, en Italia, en España... Dende hai pouco traballa no interior. Chema móvese en cinco idiomas. «Interpreto», dime. É de Ferrol. Ana está deprendendo holandés. «Dende o alemán é máis fácil». Ernesto estivo en Pesca. Non corren tempos fáciles. Rebumbio de papeis, reunións, informes, chamadas... Tereixa foi máis alá. Deixou as institucións e montou unha tenda. Unha boutique de productos galegos de calidade. Ten con ela unha moza portuguesa do Algarve e as cousas vanlle moi ben. «O que máis éxito ten son as empanadas. Logo, os viños, o turismo rural e os folletos do Camiño de Santiago». É viguesa, igual que Ana. Dous fillos. Son os novos galegos. A nova xeración. Case que un cento de profesionais cualificados, formados nas nosas universidades, pero abertos ó mundo, como corresponde ós tempos que nos toca vivir, traballan nas institucións da UE. Nada que ver cos emigrantes tradicionais, aínda que se senten próximos e solidarios con eles, e fan cousas xuntos. Acaban de constituir unha asociación cultural, Bel-Galicia, que quixera ser referencia dos novos xeitos de entender o país, foros de debate, intercambio de ideas, e reúnense nunha librería portuguesa, a Livraría Orfeu, que rexentan Joaquim Pinto da Silva, «galego do sur», di, e Diogo Moreira. Nos andeis: Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo, ó lado de Suso de Toro, a última novela de Casares, Manolo Rivas... Poida que os nosos fillos (algúns dos nosos fillos polo menos) teñan que vivir así. Galicia tamén é isto. Eles sábeno ben. Están preparados e son conscientes de que a identidade do novo século, a nosa propia viabilidade, como pobo e como cultura, ten que deprender a afirmarse nestes espacios máis amplios, fóra das fronteiras administrativas, máis alá dos límites tradicionais. Ou deprendemos a estar no mundo, sen complexos, ou non estaremos. Dende aquí, dende a nosa responsabilidade política e educativa sobre todo, cómpre contemplar (e planificar) esta nova realidade. Galicia en Europa. Galicia como parte de Europa. Pero non como unha entidade pasiva, senón activa. Nunca o noso país foi tan moderno como cando soubo aproveitar esta relación. Hai mil anos, a través do Camiño de Santiago, entrou e saíu o mellor de nós. Trátase de seguir (ou recuperar) os antigos pasos.