As Letras galegas están en débeda, non pequena, co editor asturiano Silverio Cañada, que acaba de falecer, ós 64 anos, en Xixón, a súa cidade natal. En Xixón estaba a oficina central das súas publicacións: desde a Gran Enciclopedia Asturiana a Ediciones Júcar, edicións estas que constaban de varias coleccións, Los poetas e Los juglares , entre elas. Silverio Cañada, como editor de enciclopedias rexionais, foi pioneiro en España. A el débese, en primeiro lugar, a Asturiana , e, algo despois, a Gallega . A nosa ¿a Gran Eciclopedia Gallega ¿ foi deseñada, elaborada e redactada en Santiago, nunha vella e nobre casa da rúa Nova. Amigos meus -dous deles, ex-alumnos- foron, sucesivamente, secretarios xerais da magna empresa: Perfecto Conde Muruais, Arturo Reguera López e Xosé Ramón Fandiño. De 1971 data a miña realción con Silverio Cañada, que, en 1972, estrea a súa colección Los poetas co volume Rosalía de Castro (estudio e antoloxía), o meu libro máis reeditado. Aqueles volumes de tapa amarela levaron a miles de lectores de España e América voces moi valiosas da poesía mundial: José Martí (por Juan Marinello), Bécquer (por Celaya), Virxilio (por García Calvo), Juan de la Cruz (por Aranguren)... Nesta prestixiosa colección figuran, desde 1972, ademais da de Rosalía, outras voces da poesía galega: Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro e as que contén o volume Antología de la poesía gallega contemporánea (preparada por César Antonio Molina). Cañada foi un editor que acolleu autores, temas e actitudes que o pensamento oficial desaconsellaba. Foi, dentro da legalidade, un editor antifranquista. A Silverio Cañada debe Eduardo Blanco-Amor parte da súa presencia no espacio literario extragalego. Na colección La vela latina , estreada cun libro dun exiliado, Américo Castro, publicou Blanco-Amor La parranda , autotraducción de A esmorga , esa alfaia da narrativa galega. Nunha carta, o noso escritor maniféstalle ó editor: «...me ilusiona mucho publicar con ustedes, que, en realidad, fueron los primeros interesados, con cierta firmeza, en hacerme propuestas para España». A carta, inédita, é do 7 de maio de 1973, e, en decembro dese ano, saía do prelo La parranda . Un ano despois, na mesma colección, aparecía o álbum Nós , de Castelao, en edición que eu preparei e na que os pés dos debuxos foron traducidos por Gabriel Aresti (ó euskera), Ricard Salvat (ó catalán) e Antonio Buero Vallejo (ó castelán). Outras obras significativas da nosa Literatura, como O catecismo do labrego e Memorias dun neno labrego , chegaron en castelán a lectores moi diversos da man de Silverio Cañada, editor sen o cal non se pode entende-la proxección exterior das nosas Letras. No tardofranquismo, Silverio Cañada estaba tan mergullado nas nosas inquedanzas, que, ó interesarse por determinadas páxinas das nosas Letras, non só se comprometía cunha causa literaria senón que contribuía, ó editar e espallar esas páxinas, a levar por mares pouco navegados, a boa nova da causa progresista galega. A terra, que xa o cobre, debería serlle leve.