¿Por que segue vixente a maldición bíblica? Entre as muitas medidas para favorecer a natalidade que se prometen, e que non se acometen, a universalización da anestesia epidural pode que non sexa das máis importantes, pero si das máis cruelmente incumpridas. Se todo vai ben, a miña segunda filla nacerá, como a primeira, coa axuda da sanidade pública. Se é posible volverei presenciar o parto, intentarei axudarlle á nai e acollerei á criatura ao nacer pero, case con toda seguridade, o parto volverá a ser doloroso para a nai. Presíntoo, dame que se vai empeñar en nacer nunha hora na que non haxa anestesistas. Porque seica as mulleres só poden parir ben a algunhas horas. Así o conta unha lectora coruñesa nas cartas ao director deste xornal ou a un amigo lugués que protestaba noutra publicación. Na sociedade actual evitamos a dolor e indagamos como combatila, pero non logramos que as nais esquezan a maldición bíblica. Incomprensible. As mulleres avanzaron socialmente nos últimos vinte anos e políticamente nos últimos dez, pero carecen de poder. Se o tiveran, a sanidade pública non seguiría obrigándoas a parir con dolor «por necesidades do servizo». A xestión segue a ser patriarcal. ¿Como se non se entenden esas dificultades funcionais que afectan ás mulleres, na época en que menos natalicios se producen? O asunto que comentamos demostra aínda unha outra circunstancia: que os servizos públicos perden capacidade de competencia cos privados, nos que as mulleres paren como queren, para iso pagan. Nin que non pagaran os públicos! As dificultades do público para competir co privado non é só achacable á orientación política dos xestores e non atinamos no diagnóstico conformándonos con que a dereita favorece ao sector privado e a esquerda ao público. Non é unha responsabilidade exclusiva dos políticos, tamén a é social e mesmo sindical. Hai tempo que en Europa os servizos públicos están afectados de múltiples males. Dalgúns deles non só é responsable a dereita.