17 de maio.- Como cada cada ano, celébrase o Día Mundial das Telecomunicacións. Galicia descansa; o resto de España traballa. Madrid arde en febre matinal e centralista; pero quedou co mellor da nosa mocidade, e alá se volve, onda os colegas. Copa de viño español, saudade de tempos idos. Fálase dos negocios telemáticos que non dan arrincado. E ponse esperanza sobre a radio dixital: xa coñecemos a AM e a FM, e agora vén esta, a perfecta, doadamente ¿nacional¿ por cobertura. O asunto vai ser o que se considere como nación para o novo medio... De volta no Impaís cae a longa tarde do «maio longo, todo cuberto de rosas» (oh, Rosalía, poético diamante en bruto) e segue a lectura pública da biografía de Sarmiento. Entre os lectores corre a idea: como o día Mundial das Telecomunicacións ¿sintetiza un xornalista¿, o das Letras Galegas debía ser laborable pero cheo de festexos. 18 de maio.- Desde a Coruña ao Porto soa a radio do coche sobre a autoestrada veloz. Todo volveu ao seu, xa pasou o 17 e as emisoras sincéranse. Traballan en cadea: producen en Madrid, difunden en provincias . Ata a mesma fronteira do Miño pai, azul e maxestoso, todo o dial da radio zumega Madrid. É un deserto de galeguidade. Menos cando a busca se detén nas frecuencias da Radio Galega (única, con letras capitais). Pero no que emite a RG por toda Galicia séntese que os seus locutores quixeran falar castelán. Distinguen na pronuncia entre Rajoy ¿ministro en Madrid¿ e Raxoi ¿pazo compostelán¿ como se non fosen a mesma palabra. Debíanos castigar a repetiren xa, xe, xi, xo, xu mil veces ao día... Pasado o Minho, o oído descansa: o portugués é lingua propia de radiodifusión. Xa ollando o Douro das altas pontes, cómpre matinar: ¿Terá o galego oportunidade coa radio dixital? ¿Que pensaría frei Martín se, en nova viaxe desde o Alén, oíse a Galicia de ogano? ¿Como será a Portugaliza dentro de dous séculos? En fin: triste condición humana a de enlazarmos pasado con presente e coa imaxinación do futuro. Albiscar por veces doe.