OS QUE PERDEMOS

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

19 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Da Guadalajara mexicana chéganos a nova do falecemento de Ramón Esturao Calvo. Nascera en Bastavales, no fermoso rueiro de Vidaloiso, onde se lle coñecía polo Capitán que foi das milicias galegas na Guerra Civil. Estaba casado con Adelina Santaló, filla do político republicano catalán. Fican testemuñas da súa vida no número 68 da serie Documentos de Ediciós do Castro recollidos por Santiago Álvarez. Esturao levouse ó exilio a bandeira galega coa que combateran as milicias, e hai uns quince anos entregouna ó Museo Carlos Maside, que a garda xunto con outros trofeos daquela difícil contenda. A primeira noticia que tivemos de Esturao e do trofeo que gardaba dóunola Luis Seoane polo ano 60 ó pasar por México nunha viaxe que fixo a Norteamérica. Esturao estivo en Galiza por derradeira vez hai pouco máis dun ano cando remataba de comprir 90 anos. Coincideu nun xantar con Eugenio F. Granell, e estiveron relembrando tempos daquela epopeia dende os puntos de vista políticos que cada un tiña, que non eran precisamente coincidentes. Fican testemuñas gráficas daquel encontro. Cando Esturaro viña a Galiza o recolliamos a el e a súa inseparable Adelina na casa familiar de Vidaloiso onde vivía a súa irmán. Esturao deixa fillos en México ben colocados e o patrimonio da empresa que ergueu alí. Moito ten perdido o conxunto dos pobos da Iberia por non respectar a lóxica dos seus intereses e escoitar só os cantos de serea do falso patriotismo que aínda vivimos. Os vellos amigos do noso tempo van morrendo logo de comprir a tarefa que lles correspondeu na nosa historia. Fóisenos estes días o entrañable Arturo Romaní, autor de dous fermosos libros sobre temas da mar. Mais tamén váisenos xente nova a quen aínda non lle correspondía morrer. Tal é o caso de Victoriano Reinoso Reino cando acababa de conquerir a presidencia dunha empresa fundamental dos nosos recursos que el tentaba regaleguizar, xa que por unhas circunstancias que non veñen agora ó caso, fóisenos das mans. Pérdese con el un empresario dos que estamos tan necesitados neste país. Era máis amigo dos meus fillos, con quen estudara na coruñesa Academia Galicia e máis dunha vez tenmo recordado. Voltando a Ramón Esturao, loitador fracasado contra as formas retardatarias da existencia, elo nos advirte que hoxe na vella Europa faise evidente que estas formas están rexurdindo, mais non van ser semellantes, en xeral, ás do nazismo e do fascismo italiano, nin siquera ó totalitarismo corporativista do franquismo. Quen hoxe controlan esta tendencia retardataria saben que o facela radical e fantoche trae máis inconvenientes que beneficios para os mesmos mandamáis, ó acordarse de como remataron aqueles rexímenes no ano 45. Hoxe cómpren actuacións máis disimuladas, como o neoliberalismo que vai enterrando o que resta da democracia sen que nos decatemos. Este disimulo é xa un dominio mestre dos que traen os poderes retardatarios. Acabámonos de enterar polo mesmo Arafat, inxenuo el, que agradecido cóntanos que diariamente o chamaban da Unión Europea ó seu cautiverio para que non se desanimase. Quen o chamaban temían que, desesperado, fixese algún disparate que despertase a conciencia dos árabes. Así mentras o entretiñan con este arrulo o Sharon masacraba, impunemente nos palestinos, tentando eliminar ós seus patriotas máis concienciados.