AS RAZÓNS DUNHA DISTINCIÓN

XOSÉ RAMÓN FANDIÑO

OPINIÓN

siro

17 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

O Padroado da Fundación do Pedrón de Ouro acordou concederlle a distinción deste ano a Luciano García Alén e a tres colectivos galegófonos que defenden a pervivencia do idioma galego nas terras asturianas comprendidas entre o Eo e o Navia, no Bierzo occidental, e nas Portelas zamoranas. No caso de García Alén, ademais dos seus méritos de médico humanista, sucesor dos esgrevios fundadores da Escola Médica Compostelá, a Fonte Limpa á que acudían a beber enfermos de moi ampla a variada procedencia en busca da solidariedade que necesita toda persoa que sofre, o Pedrón recoñeceu a súa inquebrantable lealdade coas causas de Galicia e o seu empeño en estudiar a cerámica popular, impulsando a súa restauración e dignificando este oficio como un dos acervos da nosa tradición cultural máis anterga. Ao estudio da arte de modelar o barro dedicou Luciano García Alén todo o tempo que lle deixou libre a clínica, a consulta xinecolóxica e a docencia. Das viaxes de estudio e promoción das artes do pobo naceron importantes traballos que dignificaron o tradicional oficio de cacharreiro, sobre todo a raíz da publicación da súa grandiosa monografía, La alfarería de Galicia. Debémoslle, pois, a Luciano o coñecemento das formas antigas, das formas eternas que os oleiros foron capaces de darlle ao barro. Un oficio popular e profundamente creativo cunha orixe que se perde na noite dos tempos, nos días tal vez neolíticos, e que perduran nos obradoiros de Niñodaguia, Gundivós, Bonxe ou Buño, nas pezas de Agustín Vázquez, de Obdulia de Campoverde, da filla de Indalecio Lombao, de Antonio do Rulo, etcétera. Percorrer Galicia Co seu irmán Alfredo, secretario do Museo de Pontevedra durante trinta anos, con Xosé Manuel Vilasó, o seu inseparable colaborador, e con María, a súa muller, percorreu Luciano Galicia enteira, desentrañando os ancestrais métodos de traballo das vellas produccións. Nesas demoradas viaxes de investigación sobre as artes do pobo, Luciano foi reunindo unha importante colección que doou ó Museo de Pontevedra e ó Museo do Pobo Galego. Desde estes dous museos, como membro do Padroado de ambos e presidente da xunta rectora da do Pobo Galego, segue ocupándose da cultura popular e da cerámica moi particularmente. Visitar calquera dos puntos de Galicia nos que seguen en pé obradoiros de cerámica tradicional e invocar o nome de García Alén pode abrir cando menos a simpatía dos oleiros que lle recoñecen o seu carisma de impulsor deste vello oficio tradicional. Interesouse polas formas saídas dos seus talleres e de todos os pormenores, como que foron os de Buño os que fixeron os canos para unha conducción de auga na Coruña no século XVI ou os que construíron uns pequenos recipientes hemisféricos que se utilizaban como lampadiñas para completar a iluminación da catedral de Santiago ata finais do século XIX. Feliz coincidencia, pois, que no ano dedicado a Sarmiento, o Pedrón de Ouro distinga cos seus loureiros á Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo, onde naceu o ilustrado bieito, e a Luciano García Alén, nacido na Moureira pontevedresa, a onde frei Martín acudía de neno a xogar á sombra do histórico carballo de Santa Margarita. E feliz coincidencia tamén que sexan os defensores do noso idioma e dos oleiros os premiados porque en opinión de Álvaro Cunqueiro cando máis de cerca están dos deuses as mans dos homes é cando inventan a escritura ou transforman nunha cunca o barro informe. XOSÉ RAMÓN FANDIÑO, Secretario do Padroado da Fundación do Pedrón de Ouro