A proposta de establecer un novo sistema de nomeamento de director xeral da Compañía de Radiotelevisión de Galicia (CRTVG), iniciativa que acaba de promover un sector de profesionais do medio, avalada por 25.000 firmas para o seu debate parlamentario, e que vén de ser rexeitada no Parlamento cos votos maioritarios do PP, é algo máis ca unha anécdota, é a expresión dun estado de preocupación cualificada. Á marxe da opinión persoal que merezan os actuais responsables da CRTVG, e mesmo da consideración da súa xestión económica á fronte da compañía, que este comentarista ten aplaudido máis dunha vez; á marxe de iniciativas de carácter cultural e estratéxico como as que nos últimos tempos vén desenvolvendo a TVG a prol do impulso do sector audiovisual, por exemplo, ou a Radio Galega no seu apoio á música popular e á producción discográfica, a cuestión de fondo (a significación, control e xestión dos medios públicos de comunicación nun modelo democrático) é un proceso aberto que non atinxe só a Galicia, senón a España e mesmo á UE. Ciclicamente o debate rexorde, e deberiamos sabelo afrontar, con perspectiva e con posibilidade de melloralo. ¿A quen serve a CRTVG? ¿Para que serve? Hai pouco falabamos disto nun debate aberto no Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, igual que se falou dos medios privados de comunicación, pezas clave do sistema informativo e democrático. Os principios fundacionais da compañía están claros e veñen definidos por lei: defensa da lingua e da cultura de Galicia e, por extensión, fortalecemento da nosa identidade colectiva e da vida social, participativa e democrática do país. Os medios públicos, financiados basicamente coa contribución económica de tódolos cidadáns, teñen a responsabilidade obxectiva de ser elementos de dinamización social e de equilibrio, ademais de factores de modernización e plataformas de expresión da pluralidade, non púlpitos de propaganda, nin mecanismos de promoción do goberno ou dos grupos políticos dominantes. Por moita maioría parlamentaria que exista, a CRTVG, igual que a TVE ou Radio Nacional de España, igual que Canal Sur en Andalucía ou a RTV catalana, son un servicio á cidadanía e, como tales, deberían configurarse e referenciarse no órgano representativo da cidadanía: o Parlamento. Ese é o debate. Aínda máis. Non abonda co nomeamento do director xeral pola Cámara (con ser útil a nominación, pois reforzaría as competencias da persoa elixida). Logo destes anos de experiencia, estabilizado o modelo, deberiamos ser capaces de afrontar agora a súa profesionalización, a súa utilidade, a súa credibilidade e a súa independencia. A fórmula da BBC, que compite coas empresas privadas, segue sendo un referente. Algúns outros casos hai. A CRTVG é de tódolos galegos, financiámola entre todos (cuestión clave que a diferencia das empresas de propiedade privada). É un servicio público, útil e necesario. Debería, xa que logo, ser facho e motor do sistema mediático e democrático con novos e actualizados criterios. Estamos a tempo de facelo. Non deixa de ser decepcionante ver como os partidos políticos (non só os que en cada momento ocupan o poder) escorren o debate e perpetúan na práctica, aquí e alá, un modelo viciado, desconfiando dos profesionais e adiando arreo unha reflexión que a cidadanía máis consciente reclama. Nin sequera nos programas electorais hai propostas ó respecto. ¿Por que será?