REUNIÓN NO DERBY

LUISA CASTRO

OPINIÓN

Iso que a xente bota en falta, atoparse cos amigos para falar de vagar, a min sempre me inquedou. Non é que non me resulte interesante o que a xente di, senón todo o contrario. Canto entra nos meus ouvidos alí queda, nada me cae en saco roto, nada se me esquence, de maneira que teño que andar protexéndome das palabras dos outros coma un ordenador que cada vez que se acende debe protexer toda a súa memoria do ataque dun virus destructor. Mentres que os demais se van inmunizando das verbas alleas eu cada día me sinto máis exposta a toda esa cras de epidemias. Por iso non son muller de cafés nin tertulias. Por iso loito contra toda idea, coma quen loita contra unha enfermidade, coma o alérxico que debe refuxiarse na casa cando estala a primavera. Non obstante, algunhas veces, levada por un profundo anhelo de sumisión á especie, acudo a algunha reunión á que se me invita e teño que dicir que neses intres son a muller máis feliz, pero son uns intres fuxidíos, entusiasmados, que me lembran a paixón dos partidos de baloncesto, e que me allean definitivamente de min e me din ás claras o que hai: ese mundo fervoroso do cónclave e do colectivo non me interesa, como non lle interesa ó verdadeiro amante caer na gaiola do enamoramento e o alleamento mental. Presentóuseme unha desas ocasións hai un par de días, na cidade na que vivo. Recibín a chamada dun amigo escritor para compartir un té e unha charla no Derby, local ben coñecido de todos e de min máis, que paso tódolos días por diante das súas xanelas coa mirada lánguida da cerilleira que nunca poderá acceder á confortable estampa de ocasionais, internos e mediopensionistas do café. ¡Qué medo e qué luxuria eses cafés onde a xente se atopa para falar! A convocatoria tiña un obxectivo concreto, a min colleume a contrapé e fun: tratábase de xuntarnos uns cantos amigos escritores para falar sobre o problema da falta de lectores. Co gallo do día do libro, e con ocasión da feira encol a semellante obxecto instalada anualmente na Alameda, estes amigos expuxéronme as súas teimas: entre todos debiamos facer algo para reactivar a nosa arma, a máis poderosa das armas, a palabra. Aí están na feira, milleiros de palabras espalladas en milleiros de libros coma se de metralla vella e descargada se tratase, como restos ou fósiles dunha guerra antiga, palabras que non serven de nada, cada día menos, mesías que claman no deserto dos periódicos, palabras que só cumpren coa súa verdadeira función cando van encaixadas no slogan dun anuncio de televisión, e sen embargo a xente necesita falar, necesita expresarse. O tema era xustamente o meu tema, por iso non me erguín no medio da conversa e marchei, como soe ser o meu estilo, senón que agardei a oi-las exposicións dos meus contertulios, -cinco eramos, tres dos cales foran eliminados ultimamente de diversas listas, nóminas, cousas así... e substituídos nas súas tarefas de opinantes e comunicadores por presentadores de televisión, coa conseguinte merma dos seus ingresos mensuais e a desmellora das súas relacións afectivas-, e cando acabaron de chorar a xeito e de expresarse a gusto, dinlles a miña opinión porque non me quedou outro remedio e porque ma pediron: primeiro traguei cuspe e logo dixen: «Ben, eu agradezo saber que a sociedade se vai desideoloxizando, agradezo enormemente que as palabras estean hoxe máis baleiras ca nunca -sinónimo de saúde para min- , e que os rapaces dos institutos non queiran ler, porque todo iso é desobediencia, e desacato, todo iso é liberdade, e campo aberto para que as palabras se volvan a encher, ¿non vos parece, amigos, esta eira deserta de tanocos secos o mellor dos terreos para un escritor? Que beleza facer medrar unha rosa no medio dun tanocal». Non sei se me entenderon. Tampouco era esa a miña intención.